Sectores

Non aceptamos modificacións do Acordo

Ao igual que na mañá do pasado venres, 18 de outubro, faciamos referencia ás 19 interinidades que afloraron como froito das nosas demandas na comisión de seguimento do Acordo de medidas de mellora, non nos queda máis remedio que saír a desmentir á Consellería de Educación na súa publicación un venres á tarde.

Na reunión mantida hoxe por CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP co Conselleiro, Román Rodríguez, e o seu equipo, trasladóusenos a inclusión do «Acordo de medidas de mellora» na Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025 co fin de amosar o “compromiso absoluto” da aplicación das accións en marcha “conferíndolle o maior respaldo xurídico posible”.

Isto, que en principio debería ser unha boa nova, non supón ningunha aceptación nin renuncia por parte das organizacións sindicais asinantes do Acordo. Como se soe dicir, «non tragamos con rodas de muíño».

Para nós é intolerable que se nos presente un calendario a catro anos para a aplicación das ratios máximas do Acordo de agrupamentos. Ademais, non limitamos as discrepancias na aplicación do Acordo de medidas de mellora unicamente a este punto, senón que hai outros que deben aplicarse igualmente desde xa.

As organizacións asinantes advertimos nesta reunión ao Conselleiro que recorreremos xudicialmente o apartado correspondente nesa futura Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta de Galicia para 2025 e que acudiremos á vía xudicial para lograr a aplicación íntegra do Acordo e de forma inmediata.

Que non quede a máis mínima dúbida. Nós sabemos o que asinamos e esixiremos, por todos os medios ao noso alcance, que quen se compromete por parte da Administración asuma o que di o texto do Acordo e faga o investimento necesario para cumprir con todo o publicado no DOG!

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.