As organizacións sindicais UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE , asinantes do Acordo sobre medidas de mellora no ensino público non universitario, queremos expresar o noso total apoio á mobilización desenvolvida onte en Lugo polas veciñas e veciños da Pontenova diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia, en defensa do mantemento dos servizos públicos na vila, tanto no eido da sanidade como da educación.

Consulta tamén o video
No ámbito educativo, e especialmente nestas datas, é habitual que desde os centros se reclame a dotación de persoal para atender necesidades concretas do alumnado. Porén, estas demandas non sempre reciben unha resposta axustada a criterios obxectivos, o que xera preocupación e malestar nas comunidades educativas.
O caso do CEIP Plurilingüe da Pontenova é un exemplo claro e preocupante. A ANPA do centro leva máis de medio ano reclamando actuacións urxentes de mantemento e mellora das instalacións por razóns de seguridade, salubridade e accesibilidade, sen obter unha resposta satisfactoria. Pero, alén destas cuestións materiais, existe unha problemática de fondo que afecta directamente á calidade educativa: o mantemento dunha das unidades de Educación Infantil que a Inspección Educativa xa nos trasladou, na reunión de celebrada o día 22 de xullo, que non vai autorizar.
Para o curso 2025-2026, o centro conta cun total de 27 alumnas e alumnos en Educación Infantil (7 en 4.º, 11 en 5.º e 9 en 6.º curso), exactamente a mesma cifra total que no curso 2024-2025 no que se mantiveron as tres unidades (11, 8 e 7 alumnas e alumnos respectivamente por curso).
Isto foi posible grazas a que o Acordo sobre medidas de mellora asinado en outubro de 2023 recolle a aplicación das ratios do Acordo de agrupamentos do ano 2009 —asinado este último por CCOO, ANPE, UGT e STEG— que establece límites obxectivos para garantir unha atención adecuada ao alumnado cando deba estar mesturado con distintas idades.

O 1 de xaneiro de 2025, é dicir, co curso 24-25 xa mediado, entrou en vigor a Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas, aprobada pola maioría absoluta do Partido Popular no Parlamento galego, e que supón un retroceso inaceptable, ao dilatar a aplicación efectiva dos límites de ratio acordados ata o curso 2027-2028. Esta decisión atrasa melloras que afectan directamente á calidade da atención educativa e obriga a tomar decisións contrarias ao sentido común pedagóxico.
Por este motivo, as organizacións sindicais asinantes (CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP) xa esgotamos a vía administrativa e acudimos á vía xudicial para demandar o cumprimento do Acordo sobre medidas de mellora.

No caso da Pontenova, o cálculo é claro: con 27 alumnas e alumnos na etapa de Infantil, resulta imposible distribuílos en só dúas unidades sen incumprir o límite de 12 para os agrupamentos que inclúan alumnado de 3 anos. A única solución pedagoxicamente viable —e conforme ao Acordo sobre medidas de mellora asinado polo Presidente Rueda— é manter as tres unidades existentes e evitar a separación traumática do grupo de 5.º de Infantil entre 4.º e 6.º curso.
A Consellería de Educación non pode escudarse nunha norma de carácter económico para vulnerar dereitos educativos recoñecidos nun Acordo vixente. Este tipo de actuacións non só incumpren compromisos asinados polo propio Presidente da Xunta, senón que ademais xeran unha profunda incerteza nas comunidades escolares e afectan directamente ao benestar do alumnado.
Desde CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP instamos á Consellería a corrixir de inmediato esta situación, garantindo o mantemento das tres unidades no CEIP Plurilingüe da Pontenova e resolvendo as situacións semellantes que poidan producirse en Galicia.
O cumprimento dos acordos asinados e a defensa do benestar do alumnado deben estar por riba de calquera consideración contable ou administrativa.