Sectores

Mesa Xeral de Orzamentos


 

Manifestamos a nosa queixa reiterada e rotunda por non ter tratado o punto 1 de Orzamentos na mesa previa á esta Mesa Xeral, chegando a esta reunión sen documentación relativa a este importantísimo apartado das condicións laborais do persoal empregado público da Xunta de Galicia polo que se debe respectar o dereito a consulta sobre aspectos tan importantes como regula: retribucións, acción social, contratacións, xornada, acordos consolidados, acordos suspendidos, etc…

 

Reflectir as normas básicas sobre o incremento de retribucións básicas no 2% e sobre taxa de reposición, cuestións que UGT rexeitou na Mesa xeral estatal, non é escusa para que no marco de xestión da Xunta se negocie continuar recuperando salarios coa aplicación e extensión de acordos que permitiron recuperar poder adquisitivo (carreira profesional), dereitos (xornada, conciliación….), e emprego que tanto se precisa como se viu na emerxencia sanitaria COVID, e que debería en parte consolidarse para reforzar sos servizos públicos en Galicia.

 

A forma de convocar a Mesa de orzamentos é Lei de medidas, nesta ocasión con 48 horas e con documentación parcial 24 horas antes, que non é posible valorar en tan escaso tempo, é un problema acusado e crónico das formas de proceder da Consellería. O trámite de emendas no parlamento non é propio da negociación colectiva, en todo caso verase a vontade da Consellería de incorporar as alegacións para as que anacronicamente e cronicamente se abre hoxe o prazo, despois de escoitar as explicacións os textos presentados pola Xunta.

 

1.- ANTEPROXECTO DE LEI DE ORZAMENTOS PARA O 2022: INCREMENTO MASA SALARIAL

 

O Director Xeral de Orzamentos expuxo o seguinte:

− O orzamento de Capítulo I determinouse conforme o teito de gasto aprobado polo Parlamento de Galicia, 11.500 millóns de € para o gasto non financeiro o ano 2022.

− Sinala que se deixan de financiar os fondos extraordinarios COVID, non consolidables do orzamento do ano 2021, que viñan financiados con débeda extraordinaria do Estado.

− O Capítulo I acada, en termos consolidados os 4.327 millóns que supón un 4,95% sobre o orzamento inicial de 2021 de 4.123 millóns de € sen os fondos extraordinarios. Supón na Administración Xeral, Organismos Autónomos e Axencias un incremento de 203,9 millóns de euros, dos cales 84,7 obedecen ao incremento do 2% na masa salarial aplicando o incremento recollido na normativa básica estatal para os PGE do 2022, o resto ata os 203 millóns son incrementos retributivos que obedecen aos diferentes conceptos e acordos consolidados nas diferentes masas retributivas da Comunidade Autónoma, persoal de Función Pública, Ensino, Sanidade e Xustiza.

− O incremento, no Capítulo I das Entidades Instrumentais de 9,7 millóns de euros, supón un 5,08% e que obedece basicamente ao 2%, e a que contempla que no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar increméntase o último tramo para equiparar as retribucións do seu persoal ao VCCU da Xunta, rematando neste exercicio a equiparación progresiva pactada. Este incremento é paralelo tamén no Capítulo IV das retribucións das nóminas do persoal do Sector Público Instrumental Autonómico.

− Tendo en conta estas magnitudes e a evolución do orzamento o peso das partidas que representan retribucións salariais acadan o 41% no global do orzamento consolidado da Comunidade Autónoma e se se deducen os fondos extraordinarios do mecanismo do Fondo de Recuperación e Resilencia acadarían un 45% do gasto non financeiro total.

− En canto ás regras de evolución recóllese xa o incremento da normativa básica do Estado no proxecto de Lei de orzamentos xerais do Estado, do 2% en relación ás retribucións vixentes a 31 de decembro de 2021, condicionado a que aprobe finalmente esa Lei. Si rematado o exercicio non entrara en vigor a nova LPGE para o vindeiro ano aplicaríanse as normas de prórroga orzamentaria para os gastos de persoal.

− Este incremento do 2% supón practicamente 95 millóns de euros, en total no orzamento de Capítulo I da CA, 85 millóns para Administración Xeral e Axencias, 4 millóns para Entidades Instrumentais e Sistema Universitario de Galicia 12 millóns de euros.

− Respecto á taxa de reposición e o establecido tamén no proxecto de LPGE, recolle a posibilidade de incluír as vacantes que se produciran no exercicio en que se aproba a OPE, sempre que esta sexa aprobada no primeiro semestre do ano 2022, polo que se atende en parte a unha das peticións da CA que era a eliminación da taxa de reposición e a posibilidade de poder convocar as vacantes previstas por xubilación nos dous exercicios seguintes da aprobación da Oferta, pero tal e como sinalan dende a CA solicitouse e solicítase a eliminación da taxa de reposición para poder sacar todas as vacantes ocupadas en oferta de emprego. Dado que este tema é cuestión de normativa básica insta ás OOSS a reclamalo no ámbito do Estado, alí dende fai máis de 5 anos, por escrito e verbalmente solicitouse a eliminación da taxa de reposición.

− Polo que se refire ao Título II da Lei de orzamentos se recollen todas as disposicións que recolle a normativa básica do Estado e que non supón modificacións especiais.

 

 

Valoración de UGT:

 

− Manifestamos a nosa queixa por non ter tratado este punto na mesa previa á esta Mesa Xeral, chegando a esta reunión sen documentación relativa a este importantísimo apartado das condicións laborais do persoal empregado público da Xunta de Galicia, reiteramos a solicitude feita de que se proceda á súa inclusión nas mesas previas e que se envíe a documentación correspondente e desagregada e con maior grao de precisión e concreción en aspectos tan importantes como regula: retribucións, acción social, contratacións, acordos consolidados, etc… é un problema acusado e crónico das formas de proceder da Consellería.

− Como non se enviou o texto do Titulo II de gastos de persoal, entendemos que o non informado verbalmente significa que se mantén o redactado do ano 2021.

− En canto ao manifestado polo Director de Orzamentos, lamentamos que desaparezan os orzamentos COVID, e que os incrementos de persoal non se financien a través dos fondos europeos ou dos mecanismos que sexan precisos, para recuperar e reforzar os servizos públicos, son moitas as necesidades que teñen quedado en evidencia durante a emerxencia sanitaria e moitas delas en sectores que continúan precarizados polos recortes das políticas previas á pandemia, como así o temos manifestado e se pode comprobar nos cadros de persoal docente, na administración xeral da Xunta, xustiza e no SERGAS.

− Sinaladamente, fíxose unha manifestación por unha organización sindical que non favorece aos dereitos consolidados dos empregados e empregadas públicas, porque mentres que non se resolva o incidente de aclaración instado pola a CIG ao xulgado, en relación coa sentenza que obtivo ese sindicato de anulación de carreira do persoal, a sentenza non é aplicable nin os efectos retroactivos da nulidade acadada.

− Un despropósito sen precedentes, recortar un dereito en lugar de amplialo ao persoal interino e temporal, nos termos pactados en xullo de 2019, retirar o dereito a carreira do persoal que xa o tiña e que favorecía a extensión do dereito por discriminación efectivamente, pero que ademais estaba xa contemplado nun acordo que pasou por Comisión de Persoal. Non se precisa si forma parte do concepto de consolidación ou non dos dereitos que se contemplan nos orzamentos de 2021, nin tampouco de outros dereitos que estaban pendentes de desenvolver ou de recuperar de dereitos suspendidos.

− UGT discrepa cos aspectos da norma básica estatal que se incorporan nos orzamentos, a nosa posición contraria na mesa xeral estatal é pública e razoada en canto ao rexeitamento do 2% e á taxa de reposición. En todo caso non é escusa para que se poda producir en Galicia unha continuidade de recuperación de dereitos, salario e emprego, no marco das competencias autonómicas.

− Dentro dos dereitos suspendidos e que non se aclaran, mencionar a paga extraordinaria, Fondo de Acción Social, etc. todas elas cuestións repetitivas nesta Mesa Xeral e que en todo en todo caso como non vimos a redacción do texto, e supoñendo que o veremos supomos que non se modifica sobre o que temos do ano 2021, porque do contrario debería terse sinalado aquí que existen modificacións sobre estas cuestións, dando a entender polo tanto que manteñen as suspensións sobre estes dereitos e polo tanto non teñen previsto ningunha medida de restitución dos mesmos, manifestando o noso rexeitamento e reiterando a reivindicación de recuperar á situación anterior á ditas suspensións de 2012.

− Ao respecto do anuncio parlamentario dun novo modelo de coidados e residencias e unha creación de emprego de 2.000 prazas, entendemos que debería ser obxecto de información nesta Mesa porque si está xa tratado e formulado como un proxecto de goberno debería estar recollido, e non é unha cuestión menor e afecta ademais a un ámbito no que temos pendente de desenvolver aspectos importantes relativos a xornada e outras condicións de traballo.

− A desagregación sectorial é importante porque o feito de que veñan a esta Mesa significa que ao mellor non se tratan noutras e polo tanto a diferenciación deberíamos de poder analizala para proceder a valorala na Mesa Xeral e nas Mesas Sectoriais.

 

 

Resposta da Administración:

 

Director xeral Orzamentos:

− Destaca o importante esforzo que se fai en Capítulo I, debido á desaparición dos fondos extraordinarios COVID, que implica que a maior parte dos recursos propios da CA para o vindeiro orzamento se empregan en pagar nóminas e os seus incrementos retributivos. Están a falar dunha cantidade que supera folgadamente os 200 millóns de euros. Por exemplo, e por sectores o SERGAS ten un aumento global de 115 millóns de euros de fondo propio da Xunta que supón un aumento do 6,42% do orzamento, Educación 66 millóns un incremento dun 4,4%, Xustiza un incremento de case 3 millóns de euros que inclúe a dotación de novas prazas e tamén os incrementos retributivos establecidos e consolidados, o resto das Consellerías levan un incremento máis paralelo ao incremento do 2% de masa, polo tanto si que se fixo un esforzo en variar esa desaparición do financiamento extraordinario con fondo propio a costa doutras partidas, porque consideraron que si que era preciso.

− O tema da devolución das pagas extras e do fondo de acción social, como o 2% e a taxa, se aplica a normativa básica do Estado e non sofre variacións respecto ao 2021.

− A orzamentación da extensión a 12 meses do persoal do SPIF, está recollido nunha bolsa no Capítulo I da Consellería en espera de que se modifique a RPT para formalizalo, consta no Libro Amarelo dos orzamentos na partida do servizo 02 programa 451B, subconcepto 120.00 aí están os 2 millóns co incremento retributivo do 2% para o vindeiro exercicio.

− Non hai partida para recuperar o pago dos dous meses de verán do persoal de educación con 5 meses ou mais de servizos, como contempla o Acordo de interinos.

 

Director xeral da Función pública:

− No relativo a situación da carreira profesional, a administración non pode recorrer nin executar, posto que a central sindical que gañou a sentenza presentou un incidente de aclaración pendente de resolver, no que se pretende unha revisión do fallo, polo que a sentenza non debe ser tan boa como se proclama.

 

Réplica de UGT:

− Non pode ser escusa para:

  • non aplicar Acordos e perder dereitos que existan accións xudiciais pendentes
  • non ter convocado o grado 2 extraordinario e reabrir o grado 1 extraordinario para a aqueles funcionarios que acadaron os requisitos
  • non aplicar o Acordo que pasou Comisión superior de persoal en xullo de 2019 de extensión de carreira o persoal interino e temporal.

− Non se pode pretender avanzar en dereitos recortando os de outros

− Non é admisible facer aclaracións de parte que teñen máis o caríz planfletario que de discusiónde mesa xeral

− Esperemos recuperar todos a situación de orixe e non negar algo que está nas actas e si pasou por comisión de persoal como foi a extensión do dereito a todo o persoal interino e laboral temporal.

 

 

2.- ESTUDO DO ANTEPROXECTO DA LEI DE MEDIDAS: MATERIA DE PERSOAL

 

Dunha rápida análise pola falta de tempo que medio coa convocatoria e posterior remisión do texto (24 horas), se observa que a maioría das modificacións propostas son de carácter técnico na súa maioría,

 

Valoración de UGT:

− Ao respecto da proposta da non existencia de promoción interna nos procesos de consolidación e estabilización consideramos que ven ligado aos mesmos por tratase de consolidación; agora ben, neste parágrafo a administración debería ser máis xusta e realista e establecer e garantir, cando menos nas OPEs ordinarias unha porcentaxe MOI superior ao 25%, en tanto que as últimas ofertas chegan nalgún ano ao 70%, entre a ligada á quenda libre e a ofertada en quenda separada. Subir a referencia do 25% actual supón gañar en dereito e consolidar unha obriga legal para a administración.

− Sobre a participación en concurso de traslados, do persoal funcionarizado art. 90.2, sen ter que agardar os 2 anos, entendemos que se procede a garantir o dereito dese persoal, en atención a que o mesmo leva desde o ano 2011 sen concurso de traslados na súa condición de laboral, esperando que agora se engada no texto e xa se poña en marcha o concurso aberto e permanente para todo o persoal.

− Non estamos de acordo coa modificación do apartado f da disposición transitoria oitava, que indica que a consolidación de grao comezará no nivel básico do corpo ou escala ao que se funcionarizan, advertindo que de manter esa redacción, esta disposición transitoria, acudiremos aos tribunais a defender o espírito da norma, tanto do Acordo como do Decreto de funcionarización, xa que o recoñecemento dos servizos prestados o é a todos os efectos (como se fai coa modificación no artigo 90.2), e non caben os de recortes que quere facer neste aspecto a Xunta.

− Seguindo coa disposición adicional oitava f) puntos 3 e 4, valoramos o que xa viñamos reivindicando que é que o recoñecemento do dereito a carreira o persoal funcionario desaparecendo o termo “de carreira”. Aínda que non sabemos o alcance da interpretación aplicativa da modificación proposta no artigo 25.1.

− Por canto á ampliación do traslado voluntario a sectores prioritarios de actividade con necesidades específicas de persoal, pasando esas comisións de servizos de 6 meses a 1 ano, prorrogable por outro, UGT preguntou si se debía ao regulado na Lei de simplificación administrativa e reactivación económica de Galicia (fondos UE), porque xa dicíamos daquela que as previsións de acudir ao artigo 100.2, e os 6 meses de comisión de servizo, nos parecía que non era axeitado, en tanto que previsiblemente os traballos a desenvolver podan ir máis aló do que a norma prevía para a temporalidade de ditas comisións de servizos. En todo caso instamos á Administración a que si a distribución dos postos nas Consellerías afectadas, non é considerada a adecuada se proceda ás modificacións pertinentes de RPTs, que adecúen os departamentos ás necesidades reais.

− Polo que respecta á modificación da para outorgar carácter definitivo dos postos ocupados por persoas vítimas de violencia de xénero, manifestar que tal consideración debe quedar aberta á opción de reversibilidade das persoas afectadas, e en segundo termo que se indique a retroactividade da norma, unha vez publicada, para igualdade de trato ás persoas que están provisionais ou nun limbo administrativo.

− Sobre as propostas de engadidos ao respecto das faltas e sancións, motivadas pola comisión de fraude en procesos selectivos, consideramos que debe contemplarse no redactado a maior previsión de medidas que eviten o fraude e ponderarse a sanción de dita conduta reprochable que supón tamén garantir o respecto, non só ao tribunal se non tamén ao resto de opositores e opositoras.

− Sobre a creación de determinadas especialidades, a través da disposición adicional novena, requirimos saber eran as Consellerías propoñentes, respondéndonos que son a Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda para as especialidades de Química e Física, GAIN para a de Aeronáutica, e o IGE para a de Matemáticas. Propoñemos a creación de escalas pendentes e que non figuran na propostas (Educador/a infantil) e modificar algunha actual que consideramos mal deseñada (Xefes de Brigada)

− Ao respecto da disposición transitoria primeira, no seu punto 3, consideramos que acertadamente se suprime, tal e como requiriu en anos anteriores UGT, a consideración de “por unha soa vez” para a realización de convocatorias de funcionarización. Tamén e a petición de UGT, de anos anteriores, se atende á posibilidade de que aquelas persoas laborais fixas anteriores á entrada en vigor do EBEP, que teñan accedido mediante promoción interna a outras categorías con posterioridade, podan participar nos procesos de funcionarización sobre esas categorías.

− A modidificación da disposición transitoria primeira bis, punto 2, xera dúbidas na súa redacción, en tanto que si ben o Decreto 129/2012, de integración, regula a homologación salarial o fai para os entes instrumentais que se integren, non quedando claro que a LEPG regule e determine o procedemento. En todo caso UGT require, ao igual que o fixo cando foi aprobada esta transitoria, que non se proceda á súa implementación, e se recurra á buscar doutras fórmulas, dado que nada impide aplicando a disposición transitoria décimo sexta da LEPG que os postos segan a proverse mediante persoal laboral.

 

VARIOS

− Concurso de traslados de administración xeral: están traballando nas resolucións

− O Plan de igualdade de Administración xeral da Xunta retomarase este mes, para pechas o seu regulamento e documento de análise e diagnose.

− OPE SPIF na segunda quincena do mes de novembro, tanto de quenda libre como de funcionarización, sen concretar datas.

− RPT de Consorcio e RPT de Política Social de funcionarización, trataranse de inmediato.

− Non hai paralización de procesos selectivos, estanse executando 2.500 prazas, e os procesos de funcionarización.

− As cuestións realizadas e non respondidas estudaranse para traer resposta en próximas reunións.

 

 

Informa_t_mesa_xeral_15_10_21_vf.pdf

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.