Sectores

MESA SECTORIAL 12-3-24: Calendario, Dirección e PdI

Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe comenzamos por examinar o borrador da Orde pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2024-2025 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

En exposición previa por parte da administración, comezan por dicir que se realizará unha posibilidade de flexibilizar a configuración dos boletíns de Educación Infantil para evitar que os estes sexan quilométricos. Permitirase desmarcar os criterios que os titores consideren. Eviaránse instrucións para os centros respecto a este tema.

Para o vindeiro curso tamén se facilitarán modelos de programación con subcriterios máis adaptados a esta etapa.

Sobre o tema do programa PIALE, a Directora Xeral informa que se fixarán os criterios para a redistribución das prazas non adxudicadas. Tamén se valorarán os motivos de renuncias.

Realizarase unha xornada explicativa sobre a proposta didáctica da Modalidade 2, co aplicativo de eXeLearning.

Comezamos a nosa intervención cos seguites puntos:

En primeiro lugar, seguimos reivindicando que non debería aparecer a palabra de un “mínimo” de 175 días lectivo, senón que deberían estar fixados nese número de días. Lamentamos que este curso se propoñan 176 días lectivos.

Como críticas xerais á Orde de calendario plantexamos ademais as seguintes dificultades que nos anticipan claustros de ensinazas de FP, CMUS ou EOI. Entendemos que causa problemas porque non respeta o carácter diferenciado destas ensinanzas (periodos de prácticas en empresas, probas de nivel, probas libres…). 

Nas Escolas Oficiais de Idiomas debería estar contemplado o período de realización das probas libres. Levamos tres anos suspendendo as clases en febreiro para o alumnado oficial co consecuente prexuízo no desenvolvemento da actividade lectiva. Do mesmo xeito que se contemplan os tempos para a realización das probas nas convocatorias ordinaria e extraordinaria, deberíase contemplar este aspecto. Hai aspectos dos ensinos de réxime especial que non se teñen en conta. Na Eoi para as probas libres non mandaron persoal de reforzo para administrar as probas, polo que profesores doutros departamentos tiveron que administrar e corrixir exames tipo test. Por último, nalgúns casos, o alumnado que reclamou  a súa nota de convocatoria ordinaria  non obtivo a resolución administrativa a tempo e veuse obrigado a presentarse igualmente á extraordinaria sen saber se aprobou. Unha racionalización dos tempos evitaría todas estas problemáticas que antes non se daban.

No caso dos CMUS, tendo en conta as esixencias do calendario habitual en función das datas que marca a orde, habería departamentos, como por exemplo para o Departamento de Teclado e piano de acompañamento, cunha marxe totalmente insuficiente para preparar o incio do curso.

A Administración responde que para as ensinanzas de réxime especial se flexibilizará ata o 13 de setembro.

En canto ó articulado da Orde propoñemos as seguintes correccións:

Art. 4.3. “A dirección do centro remitirá as programacións didácticas á Inspección educativa, antes do día 20 de setembro”… Se o profesorado se adica as reunións, aulas, expedientes, familias, non queda espazo para a elaboración das programacións. Demandamos unha ampliación desta prazo ata finais de outubro.

A Administración comunicará á Inspección educativa que sexa flexible en canto a data de entrega das programacións.

Artigo 4.4. “A incorporación gradual do alumnado no cuarto curso da etapa á que se refire o artigo 4 da Orde do 30 de maio de 2023 non se prolongará máis alá do día 13 de setembro de 2024”. En primeiro lugar, reiteramos que non é de recibo deixar nas mans dos centros a decisión de ofrecer ou non un periodo de adaptación. Isto podería levar a presións das familias e comparacións entre centros.  Nos centros de ensino non poden primar as necesidades de conciliación sobre as pedagóxicas. En segundo lugar, 3 días de adaptación son totalmente insuficientes para organizarse en aulas numerosas, polo que solicitamos que o período poida prolongarse ata finais de setembro segundo a situación específica de cada aula.

A Directora Xeral manifesta que considera que é unha maneira de conciliación e que a maioría dos alumnos xa veñen de estar escolarizados. Pero que se estudiará a posibilidade de ampliar este período ata o día 20 de setembro.

Artigo 8. Malia as aclaracións da administración que salientan o carácter orientativo dos días conmemorativos, gustaríanos que se incluira un ou varios días de referencia para traballar a igualdade e dereitos do colectivo LGTBI. Deixar sen fixar a data podería contribuír a que pase desapercibida e non estamos dispostos a dar pasos atrás nese sentido.

A Administración manifesta que non é necesario listar todos os días apropiados e que o anexo é orientativo e non supón unha listaxe pechada. Incluso se podería eliminar este anexo.

Artigo 11. Servizos complementarios.Manifestámonos en contra de que as necesidades de aforro no transporte escolar condicionen o horario dos centros por encima das motivacións pedagóxicas.

Artigo 14.6. sobre o horario do profesorado “non poderá supor variación do número global de horas semanais de permanencia” debería incluir “nin se poderá aumentar o número de xornadas partidas ou os turnos de tarde que xa se tiñan asignados” porque esas variacións si que afectan á organización da vida dos docentes. Esas mudanzas non se permiten noutros sectores da  Administración nin na privada. 

Seguimos co segundo punto da orde do día da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe:

UGT-SP segue defendendo que sexan os centros cos seus órganos (Claustro e Consello escolar) os que decidan quen debe ser o seu director ou directora. 

Entrando no articulado da Orde facemos varias peticións:

-No apartado e) en primeiro lugar consideramos que o curso de formación que nesta orde aparece como requisito, debería permitir que sexa realizado a posteriori do nomeamento como así ocorre nos casos en que é a Inspección quen propón á persoa que ocupa a dirección.  En segundo lugar, no último parágrafo, pedimos engadir que sexan exentas tamén as persoas que exerceron durante o mesmo periodo que se cita  algún cargo de equipo directivo mesmo que non fose o de directora ou director.

 -No artigo 3.3.  entendemos que o proxecto ten que estar a disposición dos membros do Claustro e do Consello Escolar un mínimo de 5 horas ou no horario completo do centro, e non só “no horario que estableza a dirección do centro”. En todo caso debe velarse porque ese horario de disposición permita a todo o claustro a consulta do mesmo dentro das súas horas de permanencia e fóra do horario lectivo.

 -No artigo 5.1.

A sede da comisión de selección non debe ser decisión unilateral. Pedimos que sexa no propio centro, ou, cando menos, elixida pola comisión na súa totalidade.

No apartado 5.1. a) Solicitamos que a comisión de selección elixa democráticamente o seu presidente, exceptuando o voto do alumnado.

Para o apartado c) demandamos que se escollan os representantes do profesorado en Claustro en votación con urna. Sabendo que cada membro do Claustro poderá votar ata un número igual a 3. 

-No artigo 7.4.

Como xa o expresamos noutras ocasións, para UGT o elemento de avaliación a través da entrevista nos parece pouco obxectiva, polo que solicitamos que se elimine.

-No artigo 11.

Os nomeamentos con carácter extraordinario deberían ser por un periodo de tan só un curso.

  • Baremo:

En canto ó apartado 2.3 cremos que o peso que teñen determinados postos tales como o desempeño da subdirección ou xefaturas de servizo para concurrir á dirección do centro é cuestionable, polo que solicitamos a súa eliminación ou a baixada da súa puntuación a 0.1 puntos.

Aproveitamos esta mesa para reiterar a nosa petición sobre as baixas prolongadas de directores e directoras que habitualmente son cubertas polos demais membros do equipo directivo. Polo que pedimos que se compense economicamente a este persoal que realiza unha doble función co traballo a maiores que iso conleva.

Relativo ao terceiro punto da orde do día:

A Consellería infórmanos da necesidade de elaboración do Plan de Igualdade de Educación. A constitución da Comisión Negociadora celebrarase despois de Semana Santa coa representación proporcional da parte social e a súa correspondente parte da Administración.

No último punto de Rogos e Preguntas, pedimos que se nos comunique as datas aproximadas da publicación do CXT e de Atención Preferente.

A Administración traslada que despois de Semana Santa saíra publicado o CXT e que se está traballando sobre o de Atención Preferente.

Consulta aquí o Informa-t da Mesa Sectorial de hoxe.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.