Sectores

Mesa previa de Empregados Públicos: RPTs funcionarización

No día de hoxe tivo lugar unha xuntanza entre as organización sindicais e a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal para tratar a RPT funcionarización de distintas categorías de persoal laboral nos grupos B, C1 e C2 de persoal funcionario.

En primeiro lugar cómpre lembrar que a anterior RPT traída á Mesa Xeral sobre este mesmo asunto foi retirada da orde do día a petición de CCOO e UGT xa que non cumpría os criterios acordados por ambas as dúas organizacións coa anterior Dirección Xeral de Función Público no sentido de eliminar ou en todo en caso reducir os complementos de funcionarización ao menor número posible e, dentro disto, coa menor contía posible, exixindo, polo tanto, a senda emprendida en anteriores RPTs, a través das que a maioría do persoal incrementou as súas retribucións.

Nesta segunda proposta as cousas cambian a mellor e atopámonos cunha RPT moito máis equilibrada, compensada e homoxénea á hora de facer as equivalencias retributivas de persoal laboral a persoal funcionario e na que a maioría dos postos afectados revalorízanse e incrementan as súas retribucións (nalgúns casos en case 500 euros/ano) e as diferenzas salariais en negativo son case anecdóticas e de escasa contía (ningunha supera os cincuenta euros/ano) . Así o corroboran os datos:

  • Postos afectados: 2.177
  • Postos que incrementan retribucións: 2.034 (93,4% do total)
  • Postos con diferenzas salariais: 143 (estas diferenzas oscilan entre -6,12 € anuais os máis baixos ata os -49,73 € anuais os mais altos), o que supón un 6,5% do total. E deles, 29 complementos de funcionarización (o que supón tan só o 1,33% dos 2.177 postos).
  • Conversión de postos fixos-descontinuos en postos de xornada anual.

Aínda así, tanto UGT como CCOO instamos á Directora Xeral de Emprego Público a que faga un último esforzo para eliminar todas as diferenzas en negativo (igual que sucedeu na anterior RPT de funcionarización) mediante o axuste do complemento de destino e/ou do específico ou mediante a inclusión dun específico diferenciado para que, deste xeito, todos os postos afectados por esta RPT teñan un incremento neto das súas retribucións.

Tamén solicitamos que se aproveite esta RPT para igualar e homoxeneizar postos da mesma categoría, e incluso do mesmo centro, con outros que xa teñen sentenzas xudiciais de recoñecemento de diferenza salarial co grupo superior. Este compromiso é fundamental para revisar e incluír nesta RPT aquelas sentenzas pendentes de firmeza ou que aínda non están incorporadas na actual RPT de laborais. O mesmo criterio debe utilizarse para o caso de pluses ou complementos gañados xudicialmente e pendentes de seren incluídos en RPT. Agardamos que as dúas cuestións anteriores sexan tidas en conta antes de que esta RPT chegue á Comisión de Persoal.

A efectividade desta RPT producirase con data de 1 de setembro de 2024, data na que se procederá ao cambio de vínculo xurídico das persoas afectadas.

Por último, aclarar que non son obxecto de funcionarización nesta RPT os postos de condutores, “por precisar estas categorías dunha análise e estudo en detalle a abordar nunha próxima RPT de clasificación e funcionarización”.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.