Tras dúas semanas dende o comezo do curso 2024/2025 as organizacións sindicais asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado galego, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP desexan facer balance da aplicación do mesmo por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional.
En primeiro lugar desexamos facer constancia de dous efectos positivos que trouxo consigo a sinatura do acordo e o inicio de aplicación do mesmo no curso actual:
- O acordo puxo fin á “sangría” de supresións de aulas, sobre todo no rural, á que estabamos acostumados curso tras curso nas últimas décadas. En efecto este curso é o primeiro en moitos que se crean novas aulas de catálogo, en concreto 10, e polo tanto postos de traballo con caràcter definitivo (un total de 21), rompendo a tendencia anterior, xa que tan só nos últimos tres anos o peche de aulas chegara a un total de 239 aulas de infantil e primaria suprimidas e a unha destrución de 334 postos de traballo no mesmo período. Este curso pola aplicación do acordo, en cifras que proporcionou a propia Consellería, evitouse o peche de ata 204 aulas, o que supón case 300 postos de traballo que non foron suprimidos.
- O número de docentes en activo incrementouse significativamente con respecto ao último curso. En concreto son 556 docentes máis no curso 2024/25 fronte ao anterior, 31600 fronte a 31044 segundo cifras da propia Consellería de Educación, o que se sumaría aos postos de traballo que non foron suprimidos gracias á aplicación do Acordo.
Hai que ter en conta que tanto a redución de supresións como o incremento de profesorado próducese nun contexto de crise demográfica, cunha redución de case 3000 alumnos no ensino público este curso fronte ao pasado. Aínda que esa diminución é moi similar á dos anos anteriores, en lugar de producirse peche e eliminación de centos de aulas e postos de traballo, prodúcese o efecto contrario, polo que tales efectos positivos débense exclusivamente ao inicio da aplicación do Acordo.
EVOLUCIÓN ALUMNADO DE INFANTIL E PRIMARIA DO ENSINO PÚBLICO
Cursos | 21/22 | 22/23 | 23/24 | 24/25 |
Alumnado total Educación Infantil | 40.852 | 39.335 | 37.624 | 35.537 |
Alumnado total Educación Primaria | 93.831 | 92.172 | 92.033 | 91.373 |
Alumnado total en Educación Infantil e Primaria | 134.683 | 131.507 | 129.657 | 126.910 |
Variación alumnado total cada ano en Educación Infantil e Primaria | -2592 | -3176 | -1850 | -2747 |
Fonte: Elaboración propia a partir de datos do Instituto Galego de Estadística (https://www.ige.gal/)
EVOLUCIÓN DE UNIDADES E POSTOS DE TRABALLO DOCENTES DE ENSINO PÚBLICO CON CARÁCTER DEFINITIVO EN EDUCACIÓN INFANTIL E PRIMARIA
↙️ Sinatura Acordo 🤔
CURSO | 21/22 | 22/23 | 23/24 | 24/25 |
Variación de aulas en Educación infantil | -47 | -32 | -28 | + 4 |
Variación de aulas de Educación primaria | -69 | -35 | -29 | +5 |
Variación de unidades de Educación Especial | 0 | 0 | +1 | +1 |
Variación total de aulas | – 116 | -67 | -56 | +10 |
Variación de postos de traballo | -164 | -96 | -74 | +21 |
Fonte: Elaboración propia a partir das sucesivas ordes de modificación de unidades e postos de traballo para cada curso publicadas no DOG nas seguintes datas: 06/08/2021, 01/12/2021, 12/08/2022, 18/08/2023 e 21/08/2024
Pero máis alá destes efectos positivos, tamén detectamos unha inadecuada aplicación en apartados concretos do Acordo como no caso das ratios nas aulas que escolarizan a alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas e tamén no cómputo dobre e triple do alumnado que acredite discapacidade e depedencia ou transtornos graves de conduta, que a Consellería está a aplicar de forma progresiva, algo que non se recolle no Acordo asinado.
Para poder coñecer de primeira man a totalidade de disfuncións na aplicación do mesmo, dende o comezo das actividades lectivas, o día 11 de setembro, as organizacións asinantes consultamos á totalidade de centros educativos da comunidade autónoma coa intención de facer un estudio sobre o grado de aplicación do Acordo centro a centro, cuxos resultados e conclusións presentamos a continuación.
As cifras totais mostran que hai un 82 % dos centros onde o Acordo estase a cumplir na totalidade das súas disposicións, polo que sería un 18 % de centros, en total 195 centros das catro provincias, onde se rexistra incumplimentos dalgún artigo concreto.
CENTROS ONDE SE CUMPLE A TOTALIDADE DO ACORDO E CENTROS QUE PRESENTAN DISFUNCIÓNS NA SÚA APLICACIÓN
Fonte: Elaboración propia a partir de datos recollidos telefónicamente entre o 18 a 24 de setembro en 750 centros públicos das catro provincias
Entre as principais disfuncións rexistradas serían, sen dúbida as ratios de aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas, as maioritarias, cun total de 110 centros, a continuación estaría o cómputo dobre ou triple de alumnado con discapacidade e depedencia ou transtornos graves de conduta que supera a ratio máxima, chegando a un total de 67 centros onde se incumpliría este artigo concreto. De feito o incumplimento das ratios do acordo de agrupamentos chegan a supor nalgunha provincia, por exemplo Ourense, ata o 77% de todos os rexistrados.
Fonte: Elaboración propia a partir de datos recollidos telefónicamente entre o 18 a 24 de setembro en 750 centros públicos das catro provincias
Se se aplicara o acordo axeitadamente e non de forma progresiva, habería 282 aulas máis e ata 396 docentes máis, que se sumarían aos 556 que se incrementaron dende o anterior curso, ata un total de 952 docentes máis que o curso inmeditamente anterior nun contexto de baixada de 3000 alumnos/as en infantil e primaria nos centros públicos.
Nalgúns centros, de aplicarse de forma axeitada o acordo e sempre que tiveran posibilidade de espazos para desdobrar, o incremento do profesorado sería de ata catro ou máis docentes a maiores da dotación actual: CEIP Ramón Otero Pedrayo de A Laracha, CEIP Areouta de Fisterra, CEIP Virxe da Barca de Muxía, CEIP Plurilingüe de Bragade de Oza Cesuras, CEIP Plurilingüe de Artes en Ribeira, CEIP das Fontiñas en Santiago de Compostela, CEIP Plurilingüe de Antas de Ulla, CEIP Anexa, CEIP de Casás e CEIP Illa Verde en Lugo, CEIP Monte Baliño en Ferreira de Pantón, CEIP Virxe do Carme en Sober, CEIP de Agolada, CEIP de Armenteira en Meis, CEIP Manuel Vidal Portela de Pontevedra ou o CRA A Lagoa de Salvaterra do Miño.
Queremos agradecer dende as organizacións asinantes a colaboración e boa disposición dos equipos directivos dos centros a transmitirnos as cifras utilizadas para facer este estudo. Por agora o máis completo e riguroso que se ten realizado sobre a aplicación do Acordo de Medidas de Mellora. Lamentamos sen embargo a nula colaboración por parte dos equipos directivos dunha mínima parte dos centros, en concreto 16 (dun total de 750 centros consultados) que non nos proporcionaron datos.
Na próxima semana, as organizacións asinantes temos previsto entregar á Valedora do Pobo o estudo detallado cos centros onde hai disfuncións na aplicación do Acordo. Da mesma forma tal estudo xa está en mans dos servizos xurídicos das tres organizacións para poder comezar canto antes coa vía xudicial para asegurar o cumplimento íntegro de todas as disposicións do mesmo.
A pelota atópase agora no tellado da Administración, que para evitar a xudicialización do proceso debería citarnos de forma inminente a unha reunión co asinante do Acordo por parte da Administración, o Presidente Rueda para acometer a corrección de tales disfuncións. Se tal xuntanza non se produce non nos quedará máis remedio que acudir á vía xudicial para asegurar o cumplimento do acordado.
Finalmente queremos acabar a nosa intervención cun agradecemento a todas as anpas e organizacións que están a reclamar que se cumpla adecuadamente o acordo, sobre todo, ás organizacións sindicais que non asinaron o acordo e que incluso convocaron dúas folgas contra a súa sinatura. Rectificar é, sen dúbida, de sabios.