O pasado 24 de xullo de 2024 representantes dos Sindicatos (UGT, CCOO e CSIF) e dos/as profesores/as, Mestres/as de Taller subgrupo A2 de Institutos Politécnicos Marítimo-Pesqueiros da Consellería do Mar, reunímonos coa Secretaria Xeral Técnica desa Consellería, co obxecto de tratar a integración deste subgrupo A2 no subgrupo A1 de Profesores Numerarios de Institutos Politécnicos Marítimo-Pesqueiros.
Esta reivindicación reside legalmente, entre outras Leis e normas, na Lei Orgánica 3/2020 do 29 de decembro (BOE n.º 340 do 30-12-2020), pola que se modifica a Lei 2006, do 3 de maio, de Educación.
A Consellería do Mar dispón de catro Centros Educativos, onde se imparte formación Marítimo-Pesqueira, impartindo cursos, ordenados de maior a menor segundo as súas atribucións académicas e profesionais en: Ciclos Formativos de Grao Superior e Medio da Familia Profesional Marítimo-Pesqueira, Cursos profesionais de Titulacións Menores de Pesca, Certificados de Especialidade da Dirección Xeral da Mariña Mercante, estes Centros son:
1.- Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo.
2.- Escola Oficial Náutico Pesqueira de Riveira.
3.- Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol.
4.- Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGAFA) na Illa de Arousa.
O profesorado destes centros está composto por Profesores e Profesoras Numerarios, subgrupo A1, e por Mestres e Mestras de Taller (na actualidade está composta por 17 funcionarios Mestres/as de Taller), subgrupo A2, que son a equivalencia a Profesores/as de Secundaria (A1) e Profesores/as Técnicos de Formación Profesional (A2) respectivamente, da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.
As Mestras e Mestres de Taller levan impartindo a mesma docencia que os seus compañeiros/as Profesores/as Numerarios desde hai máis de 24 anos, realizando o mesmo traballo polo que resulta de xustiza a súa integración no mesmo Subgrupo (A1). Hai ano e medio solicitouse, de feito, á Consellería do Mar esta integración.
Os Claustros de Profesores/as (compostos por: Profesores Numerarios e Mestres/as de Taller) destes 4 Centros docentes da Consellería do Mar: Instituto Galego de Formación en Acuicultura, Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico en Vigo, Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ferrol apoiaron esta reivindicación coa aprobación entre xullo e setembro do 2023 dunha declaración onde se instaba á Consellería do Mar a Integración dos seus profesores Mestres de Taller, subgrupo A2, no de Profesores Numerarios, subgrupo A1,inspirándose no integración efectuada pola Consellería de Educación que hai xa máis dun ano integrou aos seus docentes do Subgrupo A2 no Subgrupo A1.
Na xuntanza a Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Mar, recoñeceu a xustiza e lexitimidade da petición do colectivo docente, comprometéndose a estudala, suliñando que a integración pasa obrigatoriamente por unha modificación de carácter lexislativo da Lei 2/2015 do 29 de abril de emprego público de Galicia, polo que se comprometeu á elevar consulta á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal a efectos da inclusión da modificación legal necesaria na vindeira Lei de acompañamento de orzamentos. Debido á urxencia (primeira semana de setembro) para facelo, nun prazo razoable de tempo (non máis alá do mes de agosto) deberíamos ter resposta das actuacións da Consellería, co compromiso de información ás OOSS.