Sectores

Instruccións sobre a aplicación de varias medidas contidas no plan de continxencia en materia de RRHH (COVID19) do SERGAS


 

INSTRUCIÓNS SOBRE A APLICACIÓN DE VARIAS MEDIDAS CONTIDAS NO PLAN DE CONTINXENCIA EN MATERIA DE RECURSOS HUMANOS (COVID-19) DO SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

 

Na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario sostida o 25 de novembro de 2020, foi pactado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais CCOO, CSI-F e SATSE o Plan de continxencia en materia de recursos humanos (COVID-19).

 

Por mor da súa relevancia o dito pacto foi aprobado e publicado, para o seu xeral coñecemento e efectividade, en virtude da Orde do conselleiro de Sanidade do 27 de novembro de 2020 (DOG núm. 242, do 1 de decembro).

 

O dito plan incorpora no punto IV un grupo heteroxéneo de medidas que, polo seu contido, non teñen acomodo nos puntos anteriores, constitutivos do núcleo esencial do plan. Non entanto, esas outras medidas introducidas na dita epígrafe presentan unha singular relevancia en relación coa continxencia abordada, e en determinados aspectos precisan asemade duns criterios de interpretación e aplicación uniformes. É o caso das medidas relativas aos permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario e á Formación COVID (así recollidas nos apartados IV.1 e IV. 4, respectivamente, do propio plan). Resulta necesario neste momento, atendendo ao estado actual da pandemia e ante unha situación de indispoñibilidade de profesionais, flexibilizar os períodos de desfrute dos días de permiso derivados do Plan.

 

Con base no anterior, e logo do acordo maioritario acadado coas organizacións sindicais asinantes do pacto na xuntanza da comisión de seguimento do plan celebrada o 8 de febreiro de 2021, emítense as seguintes INSTRUCCIÓNS:

 

Primeira.- En relación cos permisos/libranzas adicionais de carácter extraordinario (apartado IV.1 do plan)

 

O disposto na dita epígrafe deberase interpretar e aplicar do seguinte xeito:

 

1.- Dereito ao permiso.-

 

O permiso establecido neste punto do plan será concedido ao persoal que preste servizos nas zonas/circuítos COVID definidos no propio plan, nas que estea expresamente indicado o uso continuado de EPI completo, entre o 14 de marzo do 2020 e o 9 de maio do 2021.

 

Entenderase como “EPI completo” o uso conxunto dos seguintes equipos de protección, como mínimo: protección ocular, máscara autofiltrante tipo FFP2/P3, luvas, roupa de protección (bata de manga longa ou buzo). O uso deste equipo deberá estenderse como mínimo durante o 80% da xornada.

 

O dereito a desfrutar dun día adicional de permiso retribuído (libranza), cun máximo de tres, por cada 15 días consecutivos de carteleira (coas libranzas que correspondan) responde a compensar o esforzo adicional polo uso continuado de EPI, malia que, dadas as diferentes formas de organización do traballo nos Hospitais, na Atención Primaria e no 061 cómpre establecer os seguintes criterios interpretativos:

 

a) Atención primaria e 061:

 

Centros de saúde con circuítos COVID: en función das rotacións de persoal establecidas en cada centro con circuítos COVID.

 

– Rotación quincenal ou superior: 1 día por cada 15 días de rotación no circuíto.

 

– Rotación semanal: 1 día por cada 2 semanas de rotación no circuíto.

 

– Rotación inferior a semana: 1 día por cada 10 días de rotación no circuíto.

 

– Puntos de Atención Continuada/061: 7 horas por cada 60 horas en circuíto COVID/ atención a COVID. Estas horas serán obxecto de cómputo en xornada como o resto dos permisos.

 

b) Atención hospitalaria:

 

– 1 día por cada 15 días consecutivos en carteleira de zonas COVID (coas libranzas que corresponda).

 

– 1 día por cada 10 días traballados en zonas COVID se a rotación establecida na carteleira para estas zonas é inferior a 15 días.

 

A concesión dos permisos virá condicionada polas necesidades de servizo. No caso de que sexa preciso incorporar persoal temporal para atender as funcións dos/as beneficiarios/as do permiso ausentes, poderase recorrer ao persoal xa contratado para a emerxencia sanitaria, sen que se xeren polo tanto novas vinculacións.

 

2.- Condicións de desfrute.

 

Estes permisos adicionais de carácter extraordinario xerados antes do 31 de decembro de 2020, que non se poidan aproveitar por necesidades do servizo antes do 31 marzo de 2021, pódense desfrutar ata o 15 de decembro de 2021. Os días de este permiso xerados a partir do 1 de xaneiro de 2021 poderanse desfrutar ata o 31 de marzo de 2022.

 

Este permiso pódese desfrutar por días (máximo 3) ou por horas (máximo 21 horas), tendo en conta o réxime de organización do traballo na unidade na que se xera o dereito.

 

O permiso computará como xornada efectiva no ano no que se goce del (2020, 2021, 2022).

 

Segunda.- En relación coa formación COVID (apartado IV.4 do plan)

 

O disposto no dito punto deberase interpretar e aplicar pola súa vez do seguinte xeito:

 

Co obxecto de fomentar a accesibilidade do persoal aos contidos formativos para a prevención de riscos ante a exposición laboral ao novo coronavirus (SARS-CoV-2), elaborouse de conformidade co plan un curso específico con contidos que inciden sobre os conceptos fundamentais respecto dos virus respiratorios en xeral e do SARS-CoV-2, denominado Coñecementos Básicos e Medidas Preventivas ante o SARS-CoV-2 – código 218624, modalidade de autoformación.

 

A realización deste novo curso, completado correctamente e debidamente certificado e validado, terá a consideración de tres horas de xornada efectivamente realizadas.

 

                                                                                 DESCARGA O DOCUMENTO

 

 

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.