O pasado novembro, en Comisión de Persoal aprobouse o Plan que se circunscribía exclusivamente e con carácter de urxencia, a residencias que puideran ser intervidas pola Xunta, aportando equipos de intervención de persoal Auxiliar de enfermería. Xéranse unha serie de compensacións que palían a prestación voluntaria das persoas que os integrasen. Carecen polo tanto as previsións de posibles incidencias que puideran xurdir nos centros de traballo propios, programando e habilitando a organización desas continxencias extraordinarias.
Logo da aparición de gromos de COVID, en centros propios da Política Social da X.T. de A Coruña, veuse a demostrar a incapacidade e nula xestión dos órganos de persoal da Consellería, que carentes do mínimo sentido de programación optaron, nalgún dos centros, por modificar de xeito unilateral as quendas de traballo, producindo modificacións substanciais, sen negociación previa, nin sequera comunicación da intención de organizar os servizos de xeito harmonizado en toda a Consellería.
Puidera parecer que 11 meses son tempo sobradamente suficiente a fin de que a Secretaría Xeral Técnica da Consellería actuase con carácter de previsión de posibles gromos e a incidencia no ámbito do persoal, intentando consensuar ou acordar nos órganos de negociación do persoal as medidas precisas de reestruturación de quendas e servizos, pois non ten sido así.
A modificación realizada ao parecer consiste en alterar as quendas, establecéndoas en rotatorias de 12 horas, e compensando esa prestación cunha semana de libranza por cada dúas de traballo ao finalizar o gromo e retomar a quenda ordinaria.
Non pode ser escusa a urxencia nin a premura da necesidade de atención, debe ser obriga do máximo órgano de persoal da Consellería propoñer, negociar, consensuar e acordar, con criterio uniforme a atención a situacións excepcionais e extraordinarias. As traballadoras de Política Social non son propiedade da Consellería, non son instrumentos inertes que non teñan opinión nin poidan ou saiban negociar, poden e de feito entenden que a situacións extraordinarias corresponden respostas excepcionais, e así o teñen demostrado ao longo destes 11 meses.
Por todo o anterior UGT urxe da Secretaría Xeral Técnica da Consellería que coordine, homoxeneice e aporte con criterio uniforme un documento que logo da súa negociación, obrigada e preceptiva, poña en claro as medidas a tomar e as decisións a adoptar, que en todo caso entendemos deben ser consensuadas.
UGT esixe da Consellería abrir unha vía negocial co fin de artellar as medidas precisas, que teñan a uniformidade de criterio como base na súa aplicación.