Sectores

Procesos Selectivos Lei 20/2021: Reunión coa Xerencia da Funga


Convocados pola Dirección da FUNGA mantivemos onte reunión para tratar o proxecto borrador dos procesos selectivos derivados da Lei 20/2021.

Segundo se nos transmite, a Dirección Xeral da Función Pública remitiu o pasado venres un borrador de bases co fin de acadar, coa representación do persoal traballador, un acordo sobre as bases dos procesos a presentar, para a súa revisión e aprobación por Función Pública.

Logo da exposición por parte da Dirección, UGT formulou algunhas controversias do texto borrador proposto, que esperamos sexan tidas en consideración, por entender que son erros, cuestións de forma subsanables.

UGT manifestou que o borrador proposto so se refire ao proceso selectivo polo procedemento de concurso de méritos, faltando o correspondente ás prazas que deben ser convocadas mediante o procedemento de concurso-oposición. Alegan que Función Pública so remitiu as bases do proceso de concurso.

Dentro deste proceso e en atención a que de conformidade cos parámetros aprobados en Comisión de Persoal para toda a Administración Autonómica, existen uns contidos de carácter fixo e inamovible e os correspondentes aos “outros méritos”, que son “modulables en atención aos condicionantes específicos dos Entes Instrumentais convocantes,

UGT CONSIDERA

Que é probable e posible realizar unha ponderación de puntuación mensual que permita acadar o máximo da puntuación, en experiencia profesional, que sexa coherente coa creación e posta en funcionamento da FUNGA, polo tanto deberíase poder adaptar a puntuación ata que se permita acadar o máximo dos 70 puntos a aquelas persoas traballadoras que están dende o inicio da posta en marcha do Ente Instrumental.

Ao respecto da acreditación do galego, UGT entende que o Ente ten capacidade de desenvolvemento da proba preceptiva a aquel persoal que careza do requisito, propoñendo un exame ao igual que con carácter xeral se realiza na Administración Xeral, de tradución de texto de galego a castelán e castelán a galego. A resposta foi de aceptación da proposta.

Sobre a formación, considerando que como Ente que non tivo acceso á formación EGAP, UGT apoia a valoración de actividades formativas relacionadas cos contidos das categorías obxecto de estabilización, propoñendo dous grandes grupos, por un lado as de contidos xenéricos e por outro lado as de contidos directamente relacionados coas competencias, funcións e tarefas dos postos de traballo. Estas accións formativas deberán compensar os 7,5 puntos que non son posibles de acreditar, por carecer a FUNGA de procesos selectivos para a adquisición da condición de persoal fixo.

Seguiremos informando unha vez teñamos toda a información das bases de ambos procesos, para que fagades as achegas que consideredes oportunas a través da vosa delegada

INFORMA-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.