A resolución, publicada hoxe en DOG, habilita o prazo para que o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia, que se atope na situación de:
- Excedencia voluntaria
- Excedencia voluntaria por incompatibilidade
- Prestación de servizos noutra Administración pública
manifeste, mediante unha solicitude, o seu interese en querer participar nun futuro proceso de funcionarización.
A resolución regula o procedemento, aproba e da publicidade ao modelo normalizado (código de procedemento AP505A) para a tramitación por medios electrónicos da solicitude de participación nun futuro proceso de funcionarización
SUPOSTOS:
Poderán presentar solicitude de querer participar nun futuro proceso de funcionarización o persoal laboral fixo da Xunta de Galicia que se atope nalgunha das seguintes situacións:
- Suposto núm. 1: persoal laboral fixo que posúe unha ou varias categorías profesionais e que se atopa en excedencia voluntaria ou excedencia voluntaria por incompatibilidade por estar prestando servizos como persoal funcionario interino ou como persoal laboral temporal na Xunta de Galicia.
- Suposto núm. 2: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría que aínda non foi convocada a súa funcionarización, e que se atopa na situación de excedencia nas demais categorías profesionais.
- Suposto núm. 3: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría que xa foi convocada a súa funcionarización, e que se atopa na situación de excedencia nas demais categorías profesionais.
- Suposto núm. 4: persoal laboral fixo que, posuíndo unha ou máis categorías profesionais, se atopa na situación de excedencia voluntaria ou en excedencia voluntaria por incompatibilidade e non se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia.
- Suposto núm. 5: persoal laboral fixo que posúe unha ou máis categorías profesionais e que se atopa en situación de excedencia voluntaria ou en excedencia voluntaria por incompatibilidade ou por prestación de servizos no sector público por ter a condición de funcionario de carreira nesta Administración.
- Suposto núm. 6: persoal laboral fixo que posúe máis dunha categoría profesional, que se atopa prestando servizos na Xunta de Galicia nunha delas, sendo esta unha categoría en que non está recollida a funcionarización por non ter equivalencia cos corpos e escalas de persoal funcionario, e que se atopa en situación de excedencia nas demais categorías profesionais.
Consonte o recollido na normativa aplicable, o persoal que se atope en situación de excedencia voluntaria deberá ter prestado un mínimo dun ano de servizo na categoría profesional desde a que se presenta á funcionarización.
PRESENTACIÓN DA SOLICITUDE E PRAZO:
- Deberá facerse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal
- Para a presentación electrónica poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
- Prazo de presentación: 3 meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.
- No suposto de non presentaren a solicitude no prazo anterior, non se poderá participar nos procesos de funcionarización que se convoquen ao abeiro desta resolución.
- As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos datos incluídos na solicitude de participación.