Sectores

Funcionarización: Orde reguladora procedemento para nomeamento procesos: 26/04/2021, 12/05/2021 e 15/12/2024

Publicase hoxe en DOG a Orde que regula o procedemento para o nomeamento como persoal funcionario de carreira do persoal laboral fixo de determinadas categorías profesionais que superou os procesos de funcionarización convocados polas resolucións do 26 de abril de 2021 e 12 de maio de 2021 e do 15 de decembro de 2023

Prazos:

  • Para a formalización do acordo de conformidade de cambio do vínculo xurídico:
    • A partir da publicación desta orde no DOG, o persoal laboral fixo incluído no anexo II deberá asinar un acordo de extinción do contrato de traballo, os efectos administrativos da sinatura deste acordo de extinción serán do 28 de febreiro de 2025.
    • A extinción estará condicionada á efectiva toma de posesión como persoal funcionario de carreira.
  • Para o cambio do vínculo xurídico coa Administración:
    • A toma de posesión como persoal funcionario de carreira, que implicará o cambio do vínculo xurídico coa Administración, será o 1 de marzo de 2025.
  • Cómputo dos prazos en caso de permisos, licenzas ou incapacidade temporal e incapacidade permanente con reserva de posto:
    • No caso de vacacións, permisos ou licenzas, o prazo para a sinatura do acordo de extinción comezará a contar desde a súa finalización; o día da toma de posesión será o seguinte hábil ao da sinatura do dito acordo.
    • Nos supostos de incapacidade temporal ou incapacidade permanente con reserva de posto, o cómputo do prazo iniciarase a partir da correspondente alta ou reincorporación.
    • Quedan exceptuadas do disposto no parágrafo anterior as situacións derivadas da maternidade ou paternidade.

Efectos do incumprimento dos prazos:

  • Agás as causas de forza maior debidamente acreditadas e apreciadas pola Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal, implicará que a persoa interesada desiste voluntariamente da súa funcionarización e, polo tanto, non se producirá o cambio do seu vínculo xurídico, e manterá a súa condición de persoal laboral fixo e todos os dereitos inherentes á dita condición.

Excedencias:

  • O/a traballador/a conservará a situación administrativa que teña recoñecida noutras categorías laborais antes da adquisición da súa condición de persoal funcionario de carreira.

Trienios:

  • O persoal que se funcionarice seguirá percibindo en concepto de antigüidade a mesma cantidade que estaba percibindo como laboral fixo nun concepto na nómina á marxe do complemento de funcionarización-persoal.
  • O primeiro trienio que se perfeccione como funcionario non terá unha contía inferior ao que se percibiría como laboral.

Complemento de funcionarización:

  • A diferenza de retribucións entre a condición de persoal funcionario e laboral farase efectiva mensualmente mediante un complemento persoal de funcionarización, dividirase en dúas epígrafes: Letra a) funcionarización-persoal e Letra b) funcionarización-antigüidade.

Consolidación do grao persoal:

  • Realizarase de conformidade co disposto na Lei 2/2015, do emprego público de Galicia, e no Decreto 93/1991, do Regulamento de provisión de postos.

Persoal en adscrición temporal:

  • O persoal que no momento da toma de posesión se atope en adscrición temporal poderá continuar prestando servizos nese mesmo posto mediante unha comisión de servizos, sempre que o posto da adscrición temporal tamén sexa obxecto de transformación en posto de persoal funcionario.
  • Para tal efecto, a correspondente adscrición temporal transformarase en comisión de servizos sempre que a persoa interesada cumpra os requisitos para o seu desempeño, consonte o establecido no artigo 96 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Compatibilidades:

  • As persoas que teñan autorizada ou recoñecida a compatibilidade para o desempeño doutra actividade dispoñen dun prazo máximo de dez días hábiles contado desde o seguinte ao da toma de posesión para solicitar a compatibilidade conforme a nova condición, entendéndose prorrogada a compatibilidade mentres se dita a nova resolución. Todas as autorizacións ou recoñecementos de compatibilidade realizados con anterioridade á modificación do vínculo xurídico quedan automaticamente sen efecto.

Mantemento das interinidades:

  • Cando o persoal laboral fixo que, estando en excedencia forzosa, excedencia por coidado de fillo e familiares ou con permiso sindical a tempo completo, tome posesión como persoal funcionario de carreira, a persoa substituta continuará desenvolvendo o posto de traballo nas mesmas condicións e circunstancias malia o cambio na correspondente relación de postos de traballo do tipo de posto.

Reducións de xornada:

O persoal laboral fixo que, no momento de producirse o cambio de vínculo xurídico, tivese concedida unha redución de xornada, poderá continuar coa mesma redución que tiña concedida unha vez que se formalice o cambio.