POR UN CONVENIO DIGNO
Todas e todos sabemos a grave situación que padecemos na maioría das residencias privadas da terceira idade e, que coa emerxencia sanitaria, a situación fíxose insostíbel, salarios de miseria, sobrecargas de traballo e falla de tempo para prestar a atención necesaria ás e aos residentes, cambios continuos nos calendarios, falla de valoración psicosocial, cambios continuos nos protocolos e criterios de seguridade, e como colofón final a esta gravísima situación a patronal négase a negociar un convenio colectivo digno.
Dende os sindicatos cremos que é o momento de reactivar a negociación colectiva e desbloquear este conflito e poñer enriba da mesa o esforzo e sacrificio que realizamos no momento da emerxencia sanitaria e esixir á Xunta de Galicia e á patronal o recoñecemento económico e social que merecen.
Por iso os sindicatos CIG, CCOO e UGT decidimos convocar unha folga indefinida no sector de residencias da terceira idade en Galicia, fronte á falla de vontade de negociar un convenio digno por parte da patronal e a inacción da Xunta.
A Xunta de Galicia converteu os coidados nun negocio e as empresas privadas que xestionan servizos públicos financiados con diñeiro público están obtendo enormes beneficios económicos a costa da explotación salvaxe das traballadoras/es das residencias da terceira idade e da mala calidade no servizo.
En defensa das traballadoras e traballadores, das persoas residentes e do interese da sociedade, convocamos unha folga indefinida a partir do dia 17 de marzo as 22h.
Animamos a todas as traballadoras e traballadores do sector e a toda a cidadanía a participar activamente na folga e nas diferentes mobilizacións que realizaremos.
Por Nós, por Vós, por todas e todos!
TODAS E TODOS Á FOLGA!