Como xa informamos a pasada semana, os directores dos centros que tiñan traballadores recolocados empezaron a convocar aos comités de empresa e aos delegados de persoal de que a plataforma da Xunta que recolle os datos dos horarios daba unha mensaxe de erro por exceso de horas.
Posteriormente comprobaron que coincidían coas horas de exceso de rateo dos traballadores recolocados polos anteriores acordos de recolocación. Isto tiña como consecuencia inmediata o despedimento de moitos traballadores e polo tanto un problema laboral de primeira orde.
A UGT-SP xa denunciou que non é aceptable que a Xunta provoque unha situación tan grave sen falar cos axentes sociais, pero aínda agora, despois e moitas chamadas ao Director Xeral,non foron capaces de poñerse ao teléfono.
Está confirmado que tralas reunións da Administración coa patronal, do venres pasado e de hoxe, chegouse a un acordo para dar unha moratoria dun ano. Pero os despedimentos seguen aí.
A UGT-SP, non fala do que non sabe, pero si que nos facemos algunhas preguntas que esperamos que co tempo se aclaren:
- Tiñan os centros que ter absorbido o exceso de rateo? Os centros din que o exceso de rateo se mantiña ata a xubilación do recolocado. É realmente así? Se non é certo os principais responsables desta situación son os centros por non ter absorbidas as horas de exceso en máis de 20 anos, e a Administración por consentir unha situación irregular durante tanto tempo.
- Ten algo que ver a revisión por parte da Xunta do exceso de rateo coa aplicación do novo acordo de recolocación? Unha teoría bastante plausible sería que Facenda da Xunta, buscando financiamento para o novo acordo de recolocación atopouse que aínda se mantiña o exceso de rateo que xa debía estar absorbido fai tempo.
A UGT-SP sabía que este novo acordo era malo e non o asinou, pero se a teoría anterior é certa, os asinantes deste novo acordo, aínda que non sexa de forma intencionada, fixeron un pan coma unhas tortas.
O novo acordo non xera ningún dereito para o traballador, pero si está xerando un grave problema: despedimentos masivos que, se non tocan este ano, tocarán o ano que ven.
Agora ninguén vai ter a culpa de nada!!!