Desde UGT Servizos Públicos advirtimos ao Goberno de que haberá mobilizacións de empregadas e empregados públicos en setembro se non se produce a negociación dos salarios e as condicións laborais das persoas traballadoras das Administracións Públicas.
UGT Servizos Públicos esixe ao Goberno que convoque con urxencia a Mesa Xeral de Negociación de Función Pública. O sindicato sinala que, aínda que puideron facer chegar ao Ministerio as súas propostas de salario, xornada e carreira profesional, entre outras cuestións que poderían chegar a formar parte dun acordo, é fundamental é urxente iniciar unha negociación no seo da Mesa Xeral, tal como establece o Estatuto Básico do Empregado Público. UGT Servizos Públicos dá de marxe ata o mes de setembro antes de concitar ao resto de sindicatos do sector para convocar mobilizacións de empregados e empregadas públicas.
Desde a firma do acordo entre Goberno e Sindicatos en xullo de 2021, as partes asinantes acordan a apertura dunha negociación para a sinatura dun novo Acordo Marco que contivese máis emprego, máis salarios e máis dereitos. Foron numerosas as conversacións formais e informais nas que UGT Servizos Públicos foi transmitindo ao Goberno a necesidade dun pacto plurianual en materia salarial e unha serie de modificacións lexislativas que viñesen a restituír dun lado, as deficiencias que en recursos humanos e durante anos soportaron as Administracións Públicas e doutro, a restitución dos dereitos arrebatados na última década ás empregadas e empregados públicos.
Estas reivindicacións foron, non só trasladadas publicamente nas diferentes reunións que durante o inverno fomos mantendo os sindicatos e Función Pública, senón que ademais de forma expresa foron ratificadas o pasado mes de xuño polo Comité Federal da propia organización sindical. Nas diferentes conversacións informais mantidas co Goberno, en ningún caso, manifestaron unha posición contraria á existencia deste Acordo Marco que, evidentemente, debería conter o pacto salarial plurianual e a revisión para o ano 2022 moito máis agora que se lle suma o comportamento desbocado do IPC; o que fai máis urxente se cabe unha negociación plurianual que leve consigo o que non haxa maior perda de poder adquisitivo.
Insistimos en que é urxente a negociación co Goberno. A paciencia do persoal empregado público ten un límite e este será o mes de setembro. En caso de non pechar un Acordo Marco na liña comentada; e se chegado este mes non hai ningún tipo de resposta de negociación por parte do Goberno, UGT Servizos Públicos exporá ao resto de sindicatos da Función Pública o inicio das mobilizacións do persoal empregado público deste país en todos e cada un dos territorios.