🤝O Ensino Público precisa SUMAR, non DIVIDIR❌ · Realidade e Datos 📊 obxectivos da Folga 25 de setembro

🤝O ensino público precisa sumar, non dividir, a realidade e os datos 📊 sobre a folga do 25 de setembro.

O profesorado merece información veraz, unha estratexia clara e non accións illadas.
A única forma de facer presión é evitando os enfrontamentos entre sindicatos e buscando a colaboración para conseguir obxectivos comúns, tal e como se fixo noutros territorios e, non hai moito tempo, tamén na nosa Comunidade.

Desde UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE queremos comezar poñendo en valor o esforzo que supuxo para milleiros de docentes galegos e galegas secundar a folga do pasado 25 de setembro. Sabemos ben que tomar a decisión de parar un día implica sacrificio persoal e económico, mais tamén demostra o compromiso co ensino público e coa mellora das condicións laborais de quen o sostén día a día.

✂️Unha convocatoria unilateral e excluínte

A folga foi convocada en solitario pola CIG Ensino o 1 de setembro, mesmo abandonando inicialmente ás organizacións acompañantes de anteriores folgas e mobilizacións. Con todo, o STEG sumouse finalmente a esta convocatoria, cousa que non fixo CSIF “por considerar que este tipo de accións illadas fragmentan o sector e restan forza ás demandas do profesorado”.
Tanto UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE fomos vetadas para participar nela, baixo a condición inasumible de que antes retirásemos a nosa sinatura do Acordo sobre medidas de mellora asinado coa Consellería a finais de 2023.
Iso suporía algo ilóxico, obrigar a todo o sistema educativo galego a renunciar a avances xa conseguidos (baixada progresiva de ratios, non eliminación de unidades, incrementos salariais, redución da carga lectiva en Infantil e Primaria, etc.). Algo que a maioría de compañeiros e compañeiras rexeita de pleno, “melloras si, pero sen renunciar ao xa acadado”.

🤝O valor da unidade fronte á estratexia electoral🗳️

Razóns para protestar hai, e tamén para mobilizarse. Pero o que precisa o ensino público galego non son accións illadas, nin movementos de cara á galería. Precísase unha estratexia común, planificada e que implique á comunidade educativa no seu conxunto: profesorado, familias e sindicatos.
A unidade de acción sindical e os acordos entre distintas organizacións co obxectivo claro de conseguir melloras e avances reais son posibles, se hai vontade e non intereses alleos. Así o demostra a colaboración entre as nosas tres organizacións (UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE).
Convocar unha folga sen consenso, excluíndo deliberadamente a outras organizacións sindicais e condicionando a participación á renuncia de avances xa conquistados, é unha mostra de irresponsabilidade sindical que pon en risco a credibilidade das mobilizacións e desprotexe ao profesorado. A CIG Ensino e o STEG, ao priorizar a confrontación sobre a unidade, debilitan a capacidade real de presión e desorientan a quen sostén día a día o ensino público galego.
Non se trata de establecer un calendario de accións deseñado só para “facer ruído” no ano previo ás eleccións sindicais de decembro de 2026 e agochar desta maneira a inacción, incapacidade para negociar e os nulos avances conseguidos nos últimos anos por quen convocou esta folga.
Acordos asinados en Galicia desde o ano 2007 para o ensino público non universitario👇

Desde UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE deixamos claro que non compartimos esta forma de facer sindicalismo, máis centrada en confrontar cos demais sindicatos que en sumar forzas para conseguir avances reais. Os últimos avances no eido educativo en todo o Estado chegaron grazas ao poder que outorga a unión de forzas.

📊Datos reais fronte a manipulacións interesadas🤬

Como sindicatos serios, agardamos o tempo necesario para recoller datos de prácticamente a totalidade dos centros de Galicia (97,73 %), contrastados directamente cos equipos directivos, a fonte máis fiable de información que podemos ter.

Nº de CENTROS con DATOS válidos contrastados: 1043 (COR 384, LUG 150, OUR 131, PONT 378)

  • Criticamos que a Consellería publicase un 14,8 % de seguimento só con datos da primeira hora, ignorando as diferentes realidades da xornada laboral do profesorado. Na folga do 24 de outubro de 2023 a cifra “oficial” foi do 15 % e, un mes máis tarde, o 28 de novembro dese mesmo ano, a cifra “oficial” baixou a un 10 %.
  • Ao mesmo tempo, rexeitamos a manipulación das organizacións convocantes, que desde o primeiro momento proclamaron máis dun 60 % de seguimento sen contar con información real, e mantiveron esa cifra mesmo días despois.
    Do mesmo xeito, as dúas convocatorias de folga de finais de 2023 tamén se definiron como “grandes éxitos de seguimento” e os resultados obtidos foron nulos.

A verdade é que ese 60 % non se sostén, por moito que nos gustaría que así fose, mais esta realidade é froito dunha folga convocada sen consenso. Os datos que manexamos aproximan a participación ás cifras oficiais, sen seren tan baixas como sinala a Administración, pero moi lonxe da versión distorsionada difundida pola CIG e o STEG.
Ademais, entre a primeira e a segunda xornada de folga do ano 2023, houbo un descenso aproximado do 33 % no seguimento, algo que podería volver ocorrer se se continúa pola vía da falta de unidade.

👇CONSULTA as seguintes GRÁFICAS 📊 cos percentís de SEGUIMENTO👥 por centros,

para que cada quen poida sacar as súas conclusións de maneira transparente e rigorosa e comparar con aqueles centros que coñeza de primeira man.

👆TODOS os centros de Galicia

👆Centros Ed. INFANTIL, PRIMARIA e E. ESPECIAL

👆Centros CPI

👆RESTO de Centros (IES, CIFP, EOI, CMUS, CDAN, Artes, etc…)

🧐Respecto ao profesorado

UGT-SP, CCOO Ensino e ANPE sempre tratamos ao profesorado como persoas adultas, que merecen información veraz e non propaganda interesada. Non facemos «antisindicalismo» e por iso non fixemos públicos os datos centro por centro, nin nesta folga nin noutras anteriores (outubro e novembro de 2023).
O poder de mobilización do profesorado debe preservarse e nutrirse con información contrastada. Por este motivo publicamos a mínima información necesaria para facilitarlle ao profesorado a maior transparencia posible.

🛡️O noso compromiso

Seguiremos facendo sindicalismo útil, combinando negociación, mobilización e a vía xudicial para avanzar en dereitos.
APOSTAMOS POLA UNIDADE DE ACCIÓN, tanto no ámbito galego como no estatal, para desenvolver plenamente o xa pactado, consolidar o acadado e abrir camiño a novos avances que fortalezan o ensino público e melloren as condicións laborais do persoal educativo.

Imagen de UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.