Emotiva e reivindicativa entrega do primeiro premio do concurso estatal de audiovisuais “ama en igualdad. Di no a la violencia de género” ao colexio calasanz da coruña


 

O 6º B de Educación Primaria do colexio Calasanz P.P. Escolapios de A Coruña recolleu hoxe 13 de xaneiro o primeiro premio do V Concurso Estatal de audiovisuales “Ama en igualdad. Di no a la violencia de género”, organizado pola Secretaria de Igualdade e o sector de Ensino de FeSP-UGT con motivo da celebración o 25 de Novembro do Día internacional para a eliminación da violencia contra a muller. O de hoxe foi un acto emotivo e reivindicativo, no que as e os alumnos amosaron o seu compromiso por loitar contra a desigualdade porque “o mellor premio será cambiar a nosa sociedade”.
 
No acto estiveron presentes en representación de UGT a secretaria da Muller e Políticas Sociais de FeSP-UGT, Luz Martínez Ten; a responsable de Ensino do FeSP-UGT Galicia, Paula Carreiro; o responsable de Ensino Privado de FeSP-UGT Galicia, José Antonio Míguez; a secretaria xeral de FeSP Coruña, María José Calvo, entre outros. Por parte do centro escolar participaron na entrega os alumnos/as e os profesores premiados, David García e Chechu Seoane; familiares e a dirección do colexio. Ademais, en representación do Concello da Coruña, acudiu a concelleira de Igualdade, Yoya Neira.  
 
 
O vídeo “Ocultas” foi o gañador desta quinta edición do concurso de entre os sesenta seleccionados de centros de toda España. O traballo audiovisual foi realizado durante unha clase de Ciencias Sociais do curso 6º B de Educación Primaria e nel pódense ver as reaccións espontáneas das e dos alumnos a estereotipos de xénero introducidos de forma voluntaria polo profesor. O premio foi recibido polo director do centro Alberte Velo da man da secretaria de Igualdade de FeSP-UGT, Luz Martínez Ten, e despois cada un das e dos nenos recibiron o seu certificado nominativo do premio.
 
O segundo premio foi para o IES Conca Mineira das Minas de Riotinto de Huelva, co vídeo “Escucha el compás de una relación en igualdad”, mentres que o terceiro correspondeulle ao CEIP  Rajoletes de Sant Joan d´ Alacant, co traballo “Ama en Igualdad”.
 
No acto de entrega dous representantes da clase, Laura e Martín, leron un comunicado no que se comprometeron públicamente “a ser exemplo de igualdade nos pequenos detalles do noso día a día no recreo, na nosa casa, en clase, cos nosos amigos… O mellor premio será cambiar a nosa sociedade”. A intervención rematou con toda a clase en pe berrando o seu lema: “Somos igualmente diferentes”.
 
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.