Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe, tratouse a Orde pola que se regula a educación básica para persoas adultas e se establece o seu currículo na Comunidade Autónoma de Galicia.
A Directora Xeral inicia reunión informándonos que as modificacións feitas nesta orde comparado coa orde do 20 de marzo do 2018, son modificacións terminolóxicas e concrecións:
- Incorporase o termo “VIA” (valoración inicial da aprendizaxe) que substitúe a valoración inicial para a adscrición do alumnado.
- No artigo 6 as competencias clave pasan de ser a 7 a 8, incorporase a competencia plurilingüe.
- As “ensinanzas básicas iniciais” pasan a chamarse “ensinanzas iniciais”.
- Con referencia ás modalidades mencionadas no artigo 21, incorpórase a simultaneidade de modalidades, entre as modalidades presenciais e semipresenciais, e tamén entre as modalidades presencial ou semipresencial coa modalidade a distancia do alumnado de ESA.
- Elimínase a duración máxima de 4 anos e establécese o tempo que precisen para o logro dos obxectivos.
- No artigo 35 as ensinanzas inicias serán impartidas preferentemente por profesores do corpo de Mestres.
UGT-SP consideramos que neste último punto, no artigo 35, as ensinanzas iniciais deben ser impartidas só por Mestres.
A Administración responde que valorarán a posibilidade de modificalo.
Valoramos positivamente o resto das modificacións presentadas pola Administración e pedimos que toda a documentación e os recursos materiais se actualicen conforme a nova orde e a realidade social.
VARIOS
- Solicitámoslle á Directora Xeral que nos presente canto antes un calendario de tramitación do Decreto de Ordenación de FP así como dos diferentes currículos.
A contestación é que esta semana iniciouse o proceso e que en canto teñan os documentos, pasaranos pola mesa.
- A pesar de que non sexa competencia desta Dirección Xeral insistimos na necesidade da actualización dos ROC.