Na reunión da Mesa Sectorial de Educación celebrada no día de hoxe comezamos por examinar o borrador da Orde pola que se convocan prazas destinadas ó profesorado para a realización de itinerarios formativos para a mellora da súa competencia lingüística e comunicativa, relativos ó Programa Integral de Linguas Estranxeiras (PIALE).
A este respecto facemos as seguintes consideracións xerais previas:
- Lamentamos que non se aumentaran o número de prazas, sobre todo sabendo que se recorta en actividades, orzamento… Tampouco entendemos que se esixa o nivel B2 como requisito e non se permita presentar cun nivel B1, tal e como se permitía en anos anteriores.
A Consellería entende que este nivel garante un mellor aproveitamento do programa, e que non se debe perder de vista o obxectivo do programa que non ten sentido sen un mínimo de coñecemento do idioma.
- É unha convocatoria de formación na que se deixa completamente fóra ó persoal interino, o que consideramos de pouca equidade. O persoal interino debe poder optar á formación en igualdade de condicións. Polo tanto, unha vez máis, pedimos que esta convocatoria se abra e se muden os méritos contando os anos de servizo independentemente da condición contractual do solicitante.
A Administración responde que non entrará neste punto e quedará así. Argumentan que a prioridade é o profesorado que xa está traballando en ámbitos lingüístico de xeito definitivo.
- Pedimos que se recupere a actividade 5 da convocatoria anterior en relación ao profesorado das EOI.
A Consellería indica que se valorara establecer un programa específico de formación para este colectivo, debido a falta de existencia de centros análogos nos países nos que se desenvolve a actividade.
- Debería explicitarse que o persoal seleccionado para as actividades en xullo estará exento da obriga de participar en tribunais de oposicións. Ten habido problemas neste sentido en anos anteriores.
Asegurase que se trasladaran instrucións claras aos tribunais de oposición. Posiblemente se incluirá nunha corrección de erros da Orde.
En canto ó articulado:
Artigo 2:
- MODALIDADE 1. INTEGRACIÓN. Pedimos recuperar a fase 1 de 25 horas de formación lingüística en Galicia.
- No punto 2 da fase b), como no apartado b da modalidade 2, non están definidas as características da proposta didáctica senón que fai referencia a un eventual modelo que enviará a Consellería. Entendemos que se debe publicar un anexo indicando o esperado dos participantes de xeito claro e previo á súa solicitude.
A Consellería indica que ofrecerá o modelo antes de que se abra o prazo de solicitudes.
- Por último, aínda que non se refire estrictamente a esta Orde, queremos recordar a importancia para a aprendizaxe de linguas estranxeiras da que fora a Modalidade 6 dentro das licenzas de formación: Perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior.
Temos moita afiliación especialista en idiomas estranxeiros, que nos fai chegar que malia á súa formación, para estaren actualizados precisan de estancias immersivas de tanto en tanto.
- A nosa afiliación pídenos trasladar os problemas atopados in situ con estos programas: pouca comunicación aos centros e ás familias de acollida, a distancia aos centros, a mala xestión da dieta… sería bo ter unha periodicidade de reunións coa Administración para comentar o desenvolvemento dos programas.
A Administración explica que é un programa na que se contratan empresas porque sería inviable facer unha xestión directa. Non obstante, asesores da Consellería se desprazan para facer unha valoración das diferentes situacións. Comprométense a mellorar na avaliación previa e a supervisión das actividades.
No punto de VARIOS:
- ROC: Consultase se teñen avances no traballo dos novos ROC, e non se dan datas precisas de negociación dos mesmos (poiblemente se plantexe a súa negociación de cara ao vindeiro curso).
- Calendario: Consúltase previsión de datas e confírmasenos que traerá á mesa da vindeira semana.
- PROENS: Consúltase a posibilidade de acceso ás programacións de cursos anteriores para os orientadores e titores, para a elaboración de Adaptacións Curriculares.
A resposta é que se valorará a posibilidade de facelo.
- Acreditación de competencias para o alumnado de 4º da ESO e 2º de BACH: os equipos directivos teñen o prazo de ata o día 11 de marzo para entregar o listado de alumnado que participará. Trasladamos que ese prazo é moi curto para a tarefa demandada.
A Directora Xeral comunícaos que se realizará unha reunión cos directores para tratar o asunto e que, en principio, non debería haber problema en ampliar ese prazo se fose necesario.