UGT Servizos Públicos, UTF e a patronal de farmacias FEFE asinaron na mañá de onte, 10 de outubro, o XXV Convenio Colectivo Estatal de Oficinas de Farmacia, con vixencia desde 2022 ata 2024. Máis de 8 anos pasaron entre o XXIV convenio e a firma deste, mostra da dificultade da negociación e do rigor de UGT Servizos Públicos para asinar un acordo no que a defensa das persoas traballadoras do sector e un incremento salarial que paliará a inflación, foron a prioridade. Os asinantes valoraron positivamente o texto acordado que dá estabilidade e regula o sector, recollendo unha subida salarial de ata 11,5 puntos durante o período de vixencia do convenio e incorpora melloras nas condicións laborais.
Para Ana Mª Francés, secretaria de Saúde e Sociosanitario de UGT Servizos Públicos, a obrigación de UGT era “levar ao límite o diálogo para conseguir un acordo que amortecese, de maneira realista, o impacto da inflación sobre a economía do persoal de oficinas de farmacia e, tras meses de traballo e reunións, lográmolo”. Francés engadiu que “con esta firma ponse en valor o poder da negociación colectiva de mellorar a vida dos traballadores e traballadoras, con mellores salarios e condicións laborais”.
En materia salarial, o XXV Convenio fixa un incremento do 4% para 2022, do 4% para 2023 e do 3,5% para 2024. O aumento para o 2022 ten carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2022, e os atrasos faranse efectivos o mes seguinte ao da publicación no BOE, como data límite.
En materia de xornada laboral anual, esta queda establecida en 1.783 horas para 2022, en 1.784 horas para 2023 e 1.785 horas para 2024, a cambio fíxanse en dous días os permisos de asuntos propios de tempo efectivo de traballo, é dicir, que non se teñen que recuperar, mellorando nun máis que no anterior convenio.
Outro dos cambios que se incorporan para facilitar a conciliación é que se garantirá, polo menos, unha fin de semana libre ao mes para empregados que teñan xornadas de luns a domingo en farmacias de horarios ampliados con máis de dous traballadores.