Sectores

A Consellería rectificará e aboará o 2% de suba na totalidade de conceptos na nómina de xullo

Tras a denuncia formulada o mércores 17 de xullo polas organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP Ensino, asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, do 3 de maio, de Educación demandando a rectificación inmediata da orde de confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración autonómica, reunímonos coa Administración de forma urxente o día 18/07/2024.

Nesta reunión as organizacións asinantes do Acordo de Medidas de Mellora esiximos que a suba do 2% se aplicara á totalidade de conceptos da nómina, incluído o complemento específico por formación permanente (sexenios), o relativo ao exercicio de órganos unipersonais e de goberno así como o correspondente ao desempeño de función titorial e outras funcións docentes, complementos que xa incrementaran a súa cuantía en xaneiro pola sinatura do Acordo de Medidas de Mellora.

Non aplicar a suba en todos os conceptos da nómina constituía, á xuízo das organizacións asinantes, un claro incumplimento do acordo asinado, que non incluía ningunha claúsula que motivara tal absorción, así como unha mostra de mala fe xa que na última suba aos empregados públicos do 0,5% en febreiro de 2024 sí que se incluíu o incremento na totalidade de conceptos da nómina.

Tras a demanda de solucións pola nosa parte na reunión, a Administración recoñeceu o seu erro, comprometéndose a incorporar a suba do 2% en todos os conceptos da próxima nómina a percibir correspondente á mensualidade de xullo.

Lamentamos a actitude doutras organizacións sindicais, como CIG e outra organización sen representación nas mesas de negociación, que se apresuraron a aproveitar esta cuestión, tan importante para o persoal docente, para seguir coa súa estratexia de “canto peor mellor”, limitándose a seguir atacando o Acordo de Medidas de Mellora e ás organizacións asinantes sen demandar nin tentar conseguir solucións. Tal actitude de confrontación imposibilita a unidade sindical, e reflicte, no caso concreto de CIG-Ensino, un claro papel de “pseudosindicato” no que leva asentado xa moitos anos, nos que non conseguiu ningunha mellora concreta para o persoal docente nin para o sistema educativo.

As organizacións asinantes do Acordo de Medidas de Mellora, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP Ensino, seguiremos practicando un sindicalismo útil para o profesorado e o resto da comunidade educativa, que acada melloras en ratios, horario, retribucións e redución da burocracia, esixindo para conseguilo o cumplimento íntegro de todas as disposicións do Acordo, acudindo á vía xudicial se é preciso para conseguilo.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.