Sectores

A xustiza condena a CSIF por difamar e atentar contra o dereito á honra de CCOO e UGT


As mentiras teñen as patas curtas e as inxurias son sancionadas polos tribunais.

 

O Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Santiago de Compostela ven de facer pública a sentenza na que declara probada a lesión contra o dereito á honra de UGT e CCOO por parte do sindicato CSIF a raíz da publicación no HERALD TOUPEIRAS titulada “CCOO e UGT coñecían e ocultaron a intención do PP de impoñer a mobilidade forzosa”, Esta nota difamatoria, tamén foi difundida na páxina web https://heraldtoupeiras.es, o 29 de xaneiro de 2021 e se mantén a día de hoxe.

 

Así, na sentenza déixase ben claro que o artigo, -onde se acusaba a UGT e CCOO de actuar en conivencia co PP- para impoñer a mobilidade forzosa ao persoal funcionario, eran simples “conxecturas ou rumores non confirmados”, coa finalidade de desacreditar a acción sindical de ambos sindicatos. Segundo a Xustiza, o texto vai máis aló e afirma que “o artigo está dirixido, polo tanto, a difamar a actuación dos sindicatos actores na defensa que dos dereitos dos traballadores lles corresponde, polos termos empregados e as insinuacións realizadas”.

 

A liberdade de información, na que pretendeu ampararse a CSIF é corrixida pola Xustiza ao recordarlle que, para que poida prevalecer sobre o dereito á honra, esíxese que a información cumpra co requisito da veracidade e das razoables dilixencias, por parte do informador, para contrastala fehacentemente.

 

A propia sentenza confirma que se parte dun feito non veraz e non contrastado para realizar unhas afirmacións “claramente difamatorias e atentatorias contra a honra dos demandantes nun tema intrinsecamente ligado á súa actividade e fin legal constitucional, como é a defensa dos dereitos dos traballadores”

 

Finalmente a sentenza estima integramente a demanda presentada por UGT e CCOO, por tutela de dereito á honra, e condena ao sindicato CSIF,  a eliminar a publicación e a publicar integramente a sentenza no mesmo medio utilizado para a difusión do boletín e durante o mesmo tempo en que estivo exposta a anterior información, coa  imposición das costas do proceso.

 

CCOO e UGT valoramos positivamente esta sentenza, sobre todo, pola súa esencia exemplarizante para deixar ben claro que na “loita” sindical non todo vale, e moito menos as inxurias, calumnias e mentiras que, como neste caso, intentan desacreditar o traballo sindical que no día a día UGT e CCOO facemos en defensa dos dereitos dos traballadores e traballadoras.

 

NON TODO VALE. En ningún caso imos permitir novos atentados á honra, por parte de ningunha organización sindical, pois hai que diferenciar sempre a liberdade á información con veracidade, da inxuria e da difamación gratuíta.

 

 

Descarga a NOTA INFORMATIVA en PDF

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.