Sectores

Comunicado de UGT e outras OOSS sobre a realidade laboral e sindical nas escolas infantís de 0 a 3 anos

Recentemente, a CIG lanzou un comunicado malintencionado dirixido a UGT, CCOO e USO. Vémonos na obriga de desmentir acusacións, afirmacións carentes de veracidade e de informar á afiliación e ás persoas traballadoras da realidade laboral e sindical no ámbito das Escolas Infantís 0-3:

  1. En Galicia non hai patronais galegas nin previsión ningunha de que se constitúan. A CIG promete un convenio galego como solución aos problemas laborais das traballadoras das escolas infantís (e de outros sectores: discapacidade, centros de menores…). Pero para que se poda chegar a ese escenario, debe formarse unha patronal galega e a partir dese punto crear e negociar o convenio. A insistencia da CIG en promover un marco de negociación autonómico, ignorando a inexistencia dunha patronal galega, constitúe non só unha falacia senón tamén un engano ás traballadoras, creando falsas expectativas. Dende UGT, CCOO e USO reafirmamos o noso compromiso coa verdade e coa transparencia, rexeitando calquera tentativa de manipulación ou desinformación.
  2. A CIG emprega a unidade sindical para obter beneficios unilaterais e dista de mostrar unha actitude ética. Fai uso da política nacionalista, cando o obxectivo das organizacións sindicais debe ser, exclusivamente, o de velar pola defensa dos dereitos das persoas traballadoras. Promociona estratexias que benefician exclusivamente a súa organización. A verdadeira forza radica na unidade e na capacidade de actuar conxuntamente en prol dos dereitos das traballadoras e traballadores, non na división.
  3. O diálogo, o respecto e a transparencia, tanto entre organizacións sindicais coma para coas persoas traballadoras, son pilares fundamentais e sólidos para UGT, CCOO e USO. As organizacións sindicais fortalécense dialogando, unindo forzas e aportando diversidade de opinións e estratexias para lograr avances laborais. Así continuaremos traballando e comprometidos coa unidade de acción ética e co diálogo construtivo a prol das persoas traballadoras.
Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.