🗣️COMUNICADO CONXUNTO para o PROFESORADO GALEGO sobre a UNIDADE SINDICAL🤝 · 24/10/2025

🤷‍♀️As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP lamentamos profundamente o malestar xerado entre o profesorado como consecuencia da situación que existe actualmente entre as organizacións sindicais do ensino galego.

🧐Ao igual que sucedeu na folga do 25 de setembro, non tiñamos pensado pronunciarnos ata despois da nova convocatoria de folga (que nin secundamos nin compartimos) que se fixo sen contar con nós para os días 28 e 29 de outubro. Mais como ocorreu a finais de setembro, cando se pretendeu facer ver que existía un apoio maioriatrio do profesorado galego á folga, as MANIPULACIÓNS que estamos presenciando obrígannos a facer público o noso posicionamento (unha vez máis).

⁉️Empecemos cun par de PREGUNTAS a modo de reflexión…
E se resulta que a unidade sindical xa existe desde hai dous anos con 3 dos 4 sindicatos da Mesa Sectorial traballando xuntos e quen fai máis ruído, non é quen ten a razón⁉️

Existe a unidade sindical en Cantabria, en Extremadura ou en Asturias, cal é entón o elemento que provoca que non haxa unidade sindical plena en Galicia⁉️

A pregunta de por que non apoiamos a folga é recorrente nos centros educativos e por iso queremos manifestar o seguinte:

🤷‍♂️A FOLGA É UN DEREITO E TAMÉN UNHA FERRAMENTA SINDICAL QUE DEBE EMPREGARSE CON RESPONSABILIDADE
Cada persoa é libre de facer folga polos motivos que considere, faltaría máis! Do mesmo xeito, utilizar a folga como vía de acción sindical é totalmente lexítimo e, como tal, respectámolo, igual que esiximos respecto.
Pero cada sindicato debe ser responsable de cando, como e para que lle esixe ese sacrificio ao profesorado.

🚫📧📞NINGUÉN SE COMUNICOU OFICIALMENTE CON NÓS:
Non recibimos comunicación oficial algunha
para participar con carácter previo ás convocatorias de folga. Nin para a do 25 de setembro, nin tampouco para os días 28 e 29 de outubro.
Todos os chamamentos a que as organizacións sindicais se sumen á folga foron feitos posteriormente a través dos medios e redes sociais, coa única finalidade de influír na opinión do profesorado e presionar ao resto de sindicatos.
Somos organizacións sindicais serias e o noso correo electrónico e teléfonos son públicos e facilmente accesibles. Entre docentes deberían cumprirse uns mínimos de educación, respecto mutuo e capacidade comunicativa que non se dan actualmente.
É máis, mesmo a comezos desta semana estivemos presencialmente con representantes da CIG-Ensino (incluída a Secretaria Xeral), tanto nunha reunión sobre FP na Consellería, como na Mesa Sectorial na EGAP, e en ningún momento se dirixiron a nós persoalmente por este tema.

🤐NON TIVEMOS VOZ, NIN VOTO, NAS FOLGAS CONVOCADAS NESTE CURSO
A folga de setembro incluía a esixencia de retirar a sinatura do Acordo sobre medidas de mellora, foi convocada de forma unilateral e sen fixar datas, con reivindicacións carentes de concreción e sen estratexia a longo prazo.
Para a de outubro eliminouse ese requisito sobre retirar a sinatura (coa finalidade de presionarnos), pero volveuse a pretender que nos sumemos a unha folga que foi totalmente decidida sen contar coa nosa opinión.
Polo tanto, os sindicatos que a convocan deben facerse responsables das súas accións, asumir o seguimento real que vaian ter e non pretender que os demais se sumen incondicionalmente.

🫥A FOLGA ESTÁ MAL FORMULADA, NON AFECTA REALMENTE Á CONSELLERÍA E NON TEN UN OBXECTIVO CONCRETO
Non é que o digamos nós. Pódense consultar os correos masivos enviados por CIG Ensino, STEG, CUT e Solidariedade Obreira nos que se ve a disparidade nas reivindicacións, as queixas polas formas, as críticas á estratexia escollida e as dúbidas sobre a súa utilidade real. Chamar ao profesorado á folga baixo estas premisas é totalmente irresponsable.

😰CONVÓCASE UNHA FOLGA PARA ABRIR NEGOCIACIÓNS OU DESATASCALAS?
Actualmente este non é o contexto. Atopámonos en plenas negociacións polo horario lectivo, a baixada de ratios en todas as etapas, a redución da burocracia, etc. tanto co Ministerio de Educación como coa Consellería de Educación.
Algúns dos temas que reclaman as organizacións convocantes xa se aplican en Galicia e noutros estamos en plena negociación para o seu completo desenvolvemento grazas ao Acordo que asinamos coa Consellería (baixada de ratios, redución da burocracia, baixada do horario lectivo, etc.)
A dotación de máis persoal de PT, AL e Orientación foi reclamado hai uns días (22/10/2025) polas catro organizacións sindicais presentes na Mesa Sectorial.
Por último, outros temas como a esixencia do pago do verán ao persoal interino resulta cando menos escandaloso ao vir de organizacións que non asinan o «Acordo de persoal interino» que leva 30 anos en vigor.

🤝AS NOSAS ORGANIZACIÓNS SI QUE APOSTAN POLA UNIDADE SINDICAL, DE VERDADE, NON CON FINS ELECTORAIS
Demostrámolo cada vez que nos mobilizamos co resto de sindicatos presentes nas mesas sectoriais de Cantabria, Extremadura ou Asturias.
Que significa isto? Pois que en Galicia o elemento discordante é outro, non CCOO Ensino, ANPE ou UGT-SP. Nós temos tradición e vontade de unidade sindical, pero non a calquera prezo.
En resumo, desde CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP asumimos o «custe momentáneo por non ir de comparsa doutra organización sindical» e lamentamos que se esquezan tan rápido os avances que imos conseguindo con moito esforzo uns poucos sindicatos para o conxunto de todo o profesorado. Outras organizacións levan 17 anos sen conseguir nada. 17 anos!!

Somos sindicatos serios e chamamos á mobilización cun obxectivo claro, non só para facer ruído e cando apretan os intereses electorais.
Sabemos con quen debemos enfrontarnos para conseguir melloras, que é coa Consellería de Educación, e con quen non, que é entre os sindicatos. Por respecto ao labor sindical do resto de organizacións manterémonos nun segundo plano ata que pase a folga, pero non imos aceptar que se manipule ao profesorado con información falsa.
A partir do día 30 de outubro, estaremos dispoñibles para quen queira falar con nós con respecto, con carácter construtivo e buscando unha unidade sindical real.

NOTA FINAL
Non imos contribuír ao ruído nin alimentar polémicas estériles. Desde este momento, non responderemos ás interpelacións públicas que se fagan ás nosas organizacións sobre esta convocatoria de folga, por responsabilidade e co único obxectivo de evitar que se nos acuse inxustamente de querer desmobilizar ao profesorado.

Imagen de UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.