COMISIÓN DE SEGUIMENTO /ACORDO DO SPIF (Xuntanza 07/06/2024)

A comisión de seguimento do Acordo de condicións de traballo dos postos de persoal funcionario do SPIF, composta por dous membros de cada organización asinante e igual número de membros por parte da Administración, acadou hoxe un consenso unánime no relativo á interpretación das necesidades do servizo para o desfrute de vacacións ao longo de todo o ano.

Dende ás tres organizacións sindicais valoramos moi positivamente o acordo acadado, xa que, garante uns criterios homoxéneos ao longo de todo o ano, facilita a propia autoorganización dos traballadores no desfrute das súas vacacións, e reducirá a conflitividade na concesión ou denegación de vacacións ao establecer uns criterios claros sobre as necesidades do servizo.

Este acordo establece que se entenderán cubertas ás necesidades do servizo dentro de cada un dos grupos de traballo definidos no seu artigo 1, sempre que non se atope de vacacións máis do 25% do persoal de cada grupo tomado individualmente. E para o cálculo da porcentaxe se empregará o número de prazas de funcionarios existentes en RPT en cada un dos grupos. Asemade, se o resultado de aplicar o 25% resulta un número decimal, calquera que sexa, redondearase ao seguinte número enteiro.

Que se consideran grupos e/ou equipos?

  • B.F. xefes de brigada: Cada grupo é o formado por todos os xefes de brigada en praza de funcionario no Distrito e con quenda no día considerado.
  • Bombeiros Forestais: Os Bombeiros Forestais dunha brigada con quenda o día considerado forman un grupo independente.
  • B.F. condutores de motobomba: Cada grupo é o formado por todos os Condutores de Motobomba en praza de funcionario no Distrito e con quenda no día considerado.
  • Puntos de vixilancia: Cada grupo é o formado por todos os Emisoristas/Vixiantes en praza de funcionario dunha caseta e con quenda no día considerado.
  • Centros de coordinación: Cada grupo é o formado por todos os Emisoristas/Vixiantes en praza de funcionario no centro de coordinación e con quenda no día considerado.

Exemplos:

Brigada:

Cada grupo de traballo no caso da especialidade de bombeiros forestais defínese como o formado polo persoal bombeiro forestal de cada brigada con quenda o día considerado.

Neste caso, os tres bombeiros forestais da brigada que traballan luns, mércores, sábado e domingo formarían aos efectos deste acordo un grupo de traballo, no cal sempre, e en calquera época do ano, podería estar un deles de vacacións (3×0,25=0,75, e có redondeo = 1). E idéntica situación para o grupo de tres bombeiros forestais que traballan martes, xoves e venres (3×0,25=0,75, e có redondeo = 1).

Xefes de brigada:

Exemplo de Distrito con 10 Xefes de brigada en praza de funcionario, e 5 deles traballan luns, mércores, sábado e domingo e os outros 5 na quenda de Martes, Xoves e Venres. Neste caso temos dous grupos de traballo; en cada un deles poden estar de vacacións 2 compoñentes (5×0,25=1,25, e có redondeo 2)

Condutores de motobomba:

Exemplo de Distrito con 9 Motobombistas en praza de funcionario, e 5 deles traballan luns, mércores, sábado e domingo e os outros 4 na quenda de Martes, Xoves e Venres. Neste caso temos dous grupos de traballo; no grupo de 5 poden estar de vacacións 2 compoñentes (5×0,25=1,25, e có redondeo 2), e no grupo de 4 pode estar 1.

Punto de vixilancia:

Cada grupo é o formado polos Emisoristas/vixiantes da caseta en praza de funcionario con quenda no día. Se hai tres vixiantes, 2 deles traballan luns, mércores, sábado e domingo e o outro na quenda de Martes, Xoves e Venres, no grupo de 2 pode estar un de vacacións e no outro 1.

Centro de coordinación:

Exemplo de Distrito con 7 Emisoristas/vixiantes en praza de funcionario no centro de coordinación (Distrito, Provincia ou Central), e 3 deles traballan luns, mércores, sábado e domingo e os outros 4 na quenda de Martes, Xoves e Venres. Neste caso temos dous grupos de traballo; no grupo de 3 pode estar de vacacións 1 traballador/a (3×0,25=0,75, e có redondeo 1), e no grupo de 4 pode estar 1.

Temos que destacar que en calquera dos grupos, aos efectos do cálculo, se toman as prazas existentes nese grupo en RPT, polo que non afecta aos efectos do calculo da porcentaxe que algún membro poida estar de baixa ou a praza non estea cuberta.

Que pasa se as solicitudes de vacación nun mesmo período exceden do 25% nun determinado grupo?

Os criterios veñen marcados na propia Lei de Emprego Público de Galicia e na instrución de permisos e licencias:

Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anosou persoas maiores dependentes ao seu coidado directo. Terán prioridade as persoas que reúnan a condición de persoa proxenitora de familia numerosa, dentro deste grupo. Para estes efectos, a dependencia acreditarase:

– Co certificado de empadroamento que acredite a convivencia co familiar, e

– Co documento oficial que acredite a necesidade de asistencia do familiar: certificado médico ou informe de saúde, certificado expedido pola consellería competente en materia de política social ou, na súa falta, informe social dos servizos sociais comunitarios municipais.

No caso de que haxa varios beneficiarios con preferencia de elección, elixirá o de máis antigüidade na Administración, debendo establecerse un ciclo rotativo entre todos os traballadores da unidade administrativa afectada.

No caso de que os/as traballadores/as dunha unidade administrativa en que ningún deles teña preferencia de elección soliciten o mesmo período vacacional, elixirá o de máis antigüidade na Administración, debendo establecerse un ciclo rotativo entre todos/as os/as traballadores/as da unidade administrativa afectada.

Pode superarse o 25%?

SI en calquera época do ano, en función da previsión do IRDI (baixo ou moderado), e só poderá reducirse durante un período máximo de 15 días ao ano en casos extraordinarios xustificados pola ocorrencia de incendios, previo informe á Comisión de Seguimento.

Texto íntegro do acordo acadado hoxe

Acordo da comisión de seguimento do “Acordo de condicións de traballo dos postos de persoal funcionario do SPIF” no relativo a interpretación das necesidades do servizo respecto ao desfrute das vacacións reguladas no seu artigo 10.

O parágrafo quinto do artigo 10 do “Acordo de condicións de traballo dos postos de persoal funcionario do SPIF” establece:

“O desfrute das vacacións estará condicionado ás necesidades do Servizo e poderanse desfrutar ao longo de calquera época do ano. A súa denegación deberá ser motivada.”

Tendo en conta as diferentes interpretacións posibles sobre a autorización de vacacións condicionadas ás necesidades do servizo, faise necesario establecer uns criterios comúns, de aplicación en todos os centros de traballo do SPIF, respecto ao desfrute das vacacións anuais.

Por elo, no seo da comisión de seguimento do día ……………………., e de conformidade co artigo 11.d do “Acordo de condicións de traballo dos postos de persoal funcionario do SPIF”, acadouse o seguinte acordo relativo a interpretación das posibles autorizacións ou denegacións de vacacións por motivo das necesidades do servizo:

  1. Aos efectos do presente acordo, os grupos de traballo das diferentes escalas e especialidades considerados no seu ámbito de aplicación son os seguintes:
    1. Xefes/as de brigada. Cada grupo de traballo está formado por todo o persoal xefe de brigada con quenda o día considerado no ámbito do distrito forestal.
    2. Bombeiros/as forestais condutores/as de motobomba. Cada grupo de traballo está formado por todo o persoal condutor de motobomba dun distrito con quenda o día considerado.
    3. Casetas de vixilancia. Cada grupo de traballo está formado por todo o persoal emisorista/vixilante dunha determinada caseta de vixilancia con quenda o día considerado.
    4. Centros de coordinación. Cada grupo de traballo está formado por todo o persoal emisorista/vixilante dun centro de coordinación con quenda o día considerado.
    5. Persoal das brigadas agás xefes/as de brigada. Cada grupo de traballo está formado polo persoal bombeiro forestal de cada brigada con quenda o día considerado.
  1. Considéranse as necesidades do Servizo cubertas dentro de cada un dos grupos definidos no punto anterior sempre que non se atope de vacacións mais do 25% do persoal de cada grupo tomado individualmente.

Para o cálculo da porcentaxe terase en conta todo o persoal dese grupo no distrito (grupos “a” e “b”), centro de coordinación (grupo “d”), caseta de vixilancia
(grupo “c”) ou na brigada con quenda o día considerado (grupo “e”). A estes efectos, dentro de cada grupo, empregarase o número de prazas existentes na RPT dentro do ámbito subxectivo de aplicación do acordo de condicións de traballo que traballarían cada día que se solicitan as vacacións.

Si o resultado de aplicar a porcentaxe do 25% do persoal que pode desfrutar as súas vacacións dentro de cada un dos grupos é un número decimal, calquera que sexa, redondearase ao seguinte número enteiro.

A porcentaxe do 25% poderá ser reducida, previo informe á comisión de seguimento, en casos extraordinarios xustificados unicamente pola ocorrencia de incendios e durante un período dun máximo de 15 días ao ano. Tamén poderá ser elevada en calquera época do ano de previsión de IRDI baixo ou moderado.

O máis lido

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.