Sectores

Comisión de seguemento do Acordo de medidas de mellora

A comisión de seguimento do Acordo de medidas de mellora segue aflorando novas vacantes

Froito do traballo da comisión de seguimento do «Acordo de medidas de mellora», na que participamos as tres organizacións asinantes do mesmo, CCOO, ANPE e UGT-SP, a Consellería publica hoxe no portal de substitutoslistas ata 19 vacantes a cubrir por interinidade, é dicir, ata o 31 de agosto de 2025.

Todas estas vacantes afloran grazas a reclamacións presentadas na comisión de seguimento ante diversas incidencias detectadas nos centros pola inadecuada aplicación do Acordo, tal como denunciamos as organizacións asinantes. As especialidades nas vacantes ofertadas obedecen, segundo a Consellería, ás preferencias comunicadas individualmente por cada un destes centros.

No caso de terse aplicado íntegra e inmediatamente o texto publicado en DOG e asinado polo Presidente da Xunta de Galicia, teríanse creado moitas máis prazas de profesorado para baixar aínda máis as ratios e mellorar a atención á diversidade do alumnado galego.

Pola nosa parte, seguiremos traballando arreo, tanto nas comisións de seguimento como por todas as vías que nos permita a xustiza, para conseguir que se aplique de forma inmediata a totalidade do Acordo.

Agradecemos a toda a comunidade educativa galega (profesorado, equipos directivos, ANPAs, etc.) a información que nos fai chegar sobre os problemas detectados nos centros e animamos a que continúen facéndoo a pesar das presións recibidas. Igualmente ás organizacións sindicais que non se quixeron sumar ao acordo, tachándoo de vergoñento e que a día de hoxe poñen o seu «grao de area» esixindo que se aplique o asinado íntegramente e de forma inmediata.

Non podemos esquecer que todas estas incidencias e retrasos no envío de profesorado aos centros crean un grave problema de inxustiza a cantas persoas acoderon ao chamamento da Consellería para cubrir substitucións de curta duración e agora, mentres axudan a soster o sistema educativo lonxe dos seus domicilios, ven como afloran interinidades ao lado da casa, ás cales non poden optar. Estas cuestións non deben repetirse o vindeiro curso.

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.