Hoxe tivo lugar, de xeito telemático, unha Comisión de Persoal Extraordinaria, despois da xuntanza previa, celebrada onte, co obxecto de proceder á votación da proposta de “Acordo entre a Presidencia da Xunta de Galicia e as OOSS…sobre as condicións especiais de traballo dos inspectores de Turismo da Axencia de Turismo de Galicia” e a modificación da RPT da ATURGA (Axencia de Turismo de Galicia). Trátase dos puntos 4 e 5 da Orde do día da Comisión de Persoal, celebrada o pasado venres 29 de xullo, é que a DXFP retirou para dar tempo a revisión dos cambios recollidos na nova documentación achegada. A modo de resumo a información trasladada é a seguinte:
Acordo sobre as condicións especiais de traballo dos inspectores de Turismo da Axencia Turismo de Galicia (ATURGA)
Tendo en conta a configuración da escala de inspección turística, as necesidades e a especial dispoñibilidade descrita, cómpre modificar o complemento específico de todo o persoal Inspector de Turismo da Axencia Turismo de Galicia. De tal xeito, que se establecese un complemento adicional ao complemento especifico co obxecto de retribuír a prestación efectiva dos servizos deste persoal tendo en conta a súa dispoñibilidade horaria (Orde do 6 de abril de 2000).
UGT leva anos solicitando para a inspección turística o incremento de nivel retributivo do actual 22 ao 25, conforme á responsabilidade, funcións semellantes a outros corpos de inspección da Xunta, e polas especiais condicións do seu traballo. Asimesmo, dende esta OOSS reclámase que este colectivo teña posibilidades de promoción e concurso, xa que na RPT actual négase o acceso á totalidade das xefaturas de sección, agás a cinco delas (unha en cada provincia e unha en Santiago). Despois de todo o que, sen ser o que cremos era máis axeitado, valoramos positivamente o incremento do complemento específico deste colectivo, recollido nun acordo de condicións especiais de traballo dos inspectores de Turismo da Axencia Turismo de Galicia, e congratulámosnos de que se recolla a nosa petición reiterada de posibilitar a mobilidade deste persoal na vindeira modificación que se produza na RPT da axencia, na disposición final única do citado documento. Dando ademais unha maior concreción a esta proposta, despois da nosa petición expresa no día de onte, co establecendo dun prazo máximo dun ano para iniciar a demandada negociación.
Despois de todo o que, UGT votou a favor da sinatura do citado acordo, vinculante e de publicación no DOG, na que as outras tres OOSS (CCOO, CIG e CSIF) tamén votaron a favor.
Modificación RPT da Axencia de Turismo de Galicia (ATURGA)
-
Creación de 2 postos: [2 postos de xefatura de sección na Secretaria de Coordinación Económica e Administrativa (A1-A2-C1, nivel 25), co sistema de provisión por concurso de méritos].
-
Modificación da xornada de traballo dos postos das oficinas de turismo (DOG nº 138 do 23 de xullo de 2015). Un total de 12 postos recollerán na RPT a observación “Xornada partida//horario especial”, que permitirá que o persoal que os ocupe teña a posibilidade de acceder de maneira voluntaria á realización do mesmo, con vixencia dun ano, e polo que percibirá no seu complemento específico unha retribución de 150 euros brutos/mes.
-
Incremento do complemento especifico dos postos da escala específica de inspección turística. Tendo en conta as necesidades e a especial dispoñibilidade deste persoal, na salvagarda da calidade da oferta turística, cómpre incrementar a contía do seu complemento específico en 368,54 euros brutos/mes. Este importe é o mesmo que o que percibirían no caso de acadar a suba de nivel do 22 ao 25.
-
Amortización de 7 postos [vacantes puras]: 6 postos de persoal laboral e 1 posto de persoal funcionario (posto base, subgrupo C2, nivel 12).
UGT valora negativamente a amortización de postos como xustificación para a creación doutros, aínda que sexan postos vacantes e sen ocupar. Aínda que, despois da proposta orixinal na que se amortizaban postos de a inspección turística, cremos que resulta menos lesivo, en caso de ser estritamente necesario, a amortización de postos vacantes e sen ocupar dende hai moito tempo, non vinculando as posibilidades de poder incrementar a retribución das especiais funcións da inspección mediante a amortización de postos do mesmo colectivo. Ademais, valórase positivamente o feito de cubrir parte das necesidades de crédito para afrontar a modificación da RPT, mediante un remanente de crédito existente, por importe de 88.857,97 euros, resultado de aprobacións anteriores do seu decreto de estrutura da Presidencia da Xunta.
UGT valora positivamente que a modificación da xornada nas oficinas de turismo, sexa de elección voluntaria por parte do persoal, e que veña acompañada dun incremento no complemento específico dos postos.
Despois de todo o que, UGT votou a favor da modificación da RPT da ATURGA, mentres que CSIF votou a favor, CCOO abstívose e CIG votou en contra.
No apartado de rogos e preguntas, o Director Xeral da Función Pública indicou o seguinte:
-
Remitirán, antes do venres, a documentación pendente de envío vinculada ao proceso de estabilización da lei 20/2021 (contestación ás alegacións presentadas polas OOSS, información das prazas a incluír por non resultar cubertas nos procesos en curso e buzón das prazas dos entes instrumentais).
-
Convocarán unha nova xuntanza coas OOSS, venres 5 de agosto, para falar sobre os procesos e os baremo de criterios do concurso e concurso-oposición da Lei 20/2021, e determinación dos organismos que convocarán de maneira independente ou estarán incluídos na convocatoria xeral da DXFP.
-
Revisarán para darlle solución, durante o mes de setembro, a problemática existente polo menor retribución dos trienios de persoal funcionario fronte aos de persoal laboral, a raíz da funcionarización realizada nos grupos IV e V