Sectores

Comisión de Persoal Extraordinaria: RPTs CIM, AXI e CEU Concurso Traslados Escala Persoal Estatístico


Onte realizouse virtualmente, non sen problemas de conexión, unha Comisión de Persoal Extraordinaria co obxecto de tratar as modificacións nas RPT das consellerías de Infraestruturas e Mobilidade, de Cultura, Educación e Universidade e da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI). As bases do concurso de traslados de estatísticos completou a orde do día da referida xuntanza.

UGT posicionouse a favor, xunto co resto de OOSS representadas (CIG, CCOO e CSIF) das RPT(s) da consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Axencia Galega de Infraestruturas.

Son varios os motivos que xustifican o noso voto favorable que van desde a boa disposición por parte das persoas representantes da Consellería na negociación a facilitar canta información lle foi solicitada así como a inclusión de melloras na súa proposta inicial a instancias das alegación presentadas polo noso Sindicato.

Non tivemos o mesmo éxito na negociación, e de feito denunciamos o proceder das persoas responsables de xestionala, na RPT da consellería de Cultura, Educación e Universidade. Desde UGT puxemos de manifesto, o nulo interese por parte da consellería de chegar a ningún tipo de acordo. Unicamente, e por imperativo legal, fomos convocadas ás xuntanzas previas.

Seguiremos, iso si, reivindicando a modificación dos rateos de aplicación ao persoal non docente, en vigor a través dunha Circular do ano 1994. É inasumible, aínda que por responsabilidade co conxunto das persoas traballadoras nos sentamos a negociar esta modificación parcial de RPT, manter uns criterios ditados hai case 30 anos que afectan de xeito singular ao desempeño laboral do colectivo do persoal de cociña e limpeza respectivamente.

O resultado da votación da modificación da RPT CEU foi o seguinte:

En contra: UGT, CIG e CSIF

Abstención: CCOO

O sentido do voto nas bases do concurso de traslados de estatísticos foi abstención, motivado fundamentalmente en que non se recolleron a maioría das alegacións presentadas por UGT, como por exemplo a non esixencia de permanencia no posto para o persoal que ocupe postos provistos en libre designación, ou o regulado ao respecto da distancia dos trinta quilómetros para o persoal que se atope ao dispor do órgano competente, que está obrigado a participar. Recolleuse a nosa proposta de tomar en consideración o regulado na Lei de impulso demográfico aos efectos de sinalar os fillos e fillas ou persoas acollidas menores de idade ou fillos ou fillas maiores de idade incapacitados xudicialmente, no punto 4 da base III, sobre as solicitudes de participación no concurso e documentación que debe acompañala.

INFORMA-T

Picture of UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.