Sectores

Carreira profesional e axilización dos Concursos e OPEs, logo si queren, falamos do Plan Estratéxico

UGT quere trasladar a sorpresa coa que nos atopamos o pasado sábado 28 en La Voz de Galicia na que en dúas páxinas sobre emprego público da Administración xeral da Xunta de Galicia, anunciábase a elaboración dun Plan estratéxico de Recursos Humanos para reformar o sistema de acceso e veremos cantas outras cousas.

Asunto curioso é por certo que nada cita, o mencionado artigo, ao respecto dos concursos de traslados normalizados de forma aberta e permanente, nin da promoción interna real e efectiva, ambas materias pendentes comprometidas e que causan un grave prexuízo e desmotivación no persoal empregado público.

O outro titular, do citado medio, refería ao respecto da “negociación abierta para evaluar el rendimiento de 20.000 funcionarios”, engadindo que Xunta e sindicatos están pendentes de retomar o diálogo aprazado, no pasado mes de xullo, ata setembro por acordo da Xunta cos sindicatos sobre a proposta realizada pola Administración sobre a carreira profesional.

Na Comisión de Persoal do pasado 27 de setembro de 2025, preguntouse á DXEPAP pola Carreira profesional, a resposta foi que están valorando as alegacións presentadas na primeira quincena de setembro para convocar reunión. Non se deu data de reunión.

A realidade é que entramos no mes de outubro e afirmamos que UGT, non acordou nin solicitou todo o mes de setembro para facer alegacións a carreira ordinaria. A realidade é que UGT está é moi preocupada polo retraso da negociación de carreira extraordinaria dos graos III, II e I, segundo corresponda.

A realidade é que ata o mes de xullo, non parecía que tivésemos que preocuparnos pola retroactividade a 1 de xaneiro de 2025, pero entrando xa no mes de outubro e coa negociación por facer, xa estamos preocupados, non queremos pensar que a demora poida levarnos o ano 2026 xa que  quedaríamos sen ningún incremento salarial en 2025, e a maiores as contías recortadas pola perda que suporá a declaración tributaria complementaria.

Pero, todos tranquilos porque segundo se pode concluír do citado artigo periodístico, vanse resolver os grandes retos do emprego público galego, a modernización dos procesos selectivos, a profesionalización e a avaliación do desempeño, en cuestión de breves negociacións, tranquilidade e que non cunda o pánico.

Ante todo isto, trasladamos que o reto para UGT é que se cumpra o acordado e se abone a carreira extraordinaria en 2025 no grao que corresponda e se axilice dunha vez por todas a xestión dos concursos e dos procesos selectivos con tomas de posesión coordinadas. E así, dar paso a normalización dos concursos, que deixen de ser excepcionais e a normalización do acceso para rematar coa temporalidade, dous grandes males desta administración. Logo, si queren facemos diálogo co Plan estratéxico.

Imagen de UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.