UGT-Servizos Públicos insta ás empresas do Sector de Axuda a Domicilio en Galicia a que cumpran a obriga de incrementar os salarios das traballadoras nun 6,5%, segundo establece a sentenza da Audiencia Nacional, que dá a razón ao sindicato UGT.
A persistencia no incumprimento do incremento salarial do 6,5% que establece o Convenio galego por parte dalgunhas empresas e o bloqueo da negociación dun novo convenio que dignifique o traballo esencial de axuda no fogar levará a un conflito que será responsabilidade das empresas, da inhibición da Xunta e dos concellos que financian a xestión privada do servizo de axuda no fogar e deben tutelar estes servizos.
A Sentenza indica claramente o camiño a seguir ás empresas do Sector de Axuda a Domicilio que continúan sen cumprir a obrigación de incrementar os salarios das traballadoras nun 6,5%. O artigo 6 do Convenio Marco Estatal de Servizos de Atención ás Persoas Dependentes e Desenvolvemento da Promoción da Autonomía Persoal reflicte claramente que os salarios “teñen carácter de dereito mínimo necesario con respecto á regulación que sobre eses mesmos asuntos puidese conterse noutros convenios colectivos de ámbito máis reducido”, como é o II Convenio colectivo de axuda a domicilio de Galicia.
UGT solicitou á Audiencia condena por temeridade e o tribunal considerou que, efectivamente, a pobreza argumental despregada pola patronal é demostrativa de que pretenden manter unha posición de resistencia inxustificada á aplicación da normativa convencional no marco da negociación entre as partes dun novo convenio colectivo e impón a cada patronal demandada unha sanción de 1.000 euros, debendo entre todas elas, solidariamente, atender os honorarios dos letrados dos sindicatos demandantes.
UGT-Servizos Públicos denunciamos a cicatería das empresas adxudicatarias dos servizos municipais de axuda a domicilio que se negan a abonar a subida salarial que garante o convenio colectivo do sector, co agravante de que algunhas pertencen a fondos de investimento cuxo fin é meramente especulativo.
A falta de control por parte da Xunta e dos concellos sobre as empresas adxudicatarias dos servizos tamén contribúe á precariedade.
UGT-Servizos Públicos non imos consentir que determinadas empresas e grupos empresariais continúen precarizando as condicións laborais do sector esencial da axuda a domicilio, ante a pasividade da Xunta e de moitos concellos, que adxudican esta prestación ás ofertas máis baixas e que non se preocupan de esixir a calidade dos coidados, mecanismos de axuda, servizos profesionais, como fisioterapia e outros, polos que son puntuados e resultan adxudicatarios dos servizos.
Un exemplo desta falta de control das entidades locais é que na maioría dos estudos económicos dos propios concellos e nas ofertas económicas das empresas o prezo Km establecido para calcular os gastos do servizo é de 0,19€/Km, mentres que ás traballadoras abónanselles 0,18€, sen ter en conta que o prezo dos combustibles desde que se asinou o II convenio Gallego subiu máis dun 100%.
As traballadoras déixanse parte do seu soldo en gastos de combustible e mantemento dos seus vehículos. Xa é hora de que se organicen os servizos xeograficamente para evitar grandes desprazamentos e de que as empresas, tal e como figura no convenio, se fagan cargo do total dos gastos de desprazamento, sen ter que recorrer a medios propios das traballadoras. UGT Servizos Públicos esiximos que este concepto sexa cuantificado e figure nos pregos de condicións do servizo.
A organización do traballo no sector de axuda no fogar debe garantir contratos a tempo completo, a conciliación da vida laboral e familiar e a seguridade e saúde no traballo, neste caso o domicilio das persoas perceptoras da prestación é o lugar de traballo das traballadoras.
Polo tanto, de persistir no incumprimento do incremento salarial do 6,5% que establece o Convenio galego por parte dalgunhas empresas e o bloqueo da negociación dun novo convenio que dignifique o traballo esencial de axuda no fogar levará ao conflito que será responsabilidade das empresas e da inhibición da Xunta e dos concellos que financian a xestión privada do servizo de axuda no fogar e deben tutelar estes servizos.