Dende o sector de ENSINO de UGT-Servizos Públicos, denunciamos a dramática situación que están a vivir as comunidades educativas dalgúns centros educativos galegos: en pleno mes de agosto a Consellería de Educación anuncia a supresión de unidades en relación ó curso pasado.
Primeiro, o Sindicato denuncia a propia supresión destas unidades, nunha conxuntura que aínda continúa marcada pola pandemia, de feito, estamos no corazón dunha quina ola e con índices de incidencia e transmisión moi por enriba do recomendado pola OMS, e que o anuncio desta supresión se faga en pleno mes de agosto, coincidindo coa ausencia da comunidade educativa -equipos directivos e ANPAS- fóra dos centros sen deixarlles marxe de manobra.
De feito, xa son varias as ANPAS que están a denunciar esta situación e abrindo procesos de mobilización, a pesar das datas, como é o caso da ANPA do Colexio de Calo (Teo) que está a denunciar o anuncio da supresión dunha liña en cuarto curso, levando á masificación e ó límite das ratios as dúas restantes, e todo isto a pesar de contar con máis dun 10% de alumnos con necesidades especiais. Para denunciar esta situación, a ANPA ven de convocar para mañá unha concentración fronte á Consellería de Educación que o Sector do Ensino de UGT-Servizos Públicos apoia, como o resto das denuncias e mobilizacións que se están a producir neste mesmo senso noutros centros en Galicia.
Para UGT-Servizos Públicos, resulta unha auténtica temeridade a adopción deste tipo de decisións por parte de Educación na actual conxuntura de pandemia que aínda están lonxe de resolverse e, sobre todo, cando dende as autoridades sanitarias as recomendacións, a pesar do proceso de vacinación, no que non están incluídos os menores de 12 anos, seguen a ser as mesmas que o curso pasado, distancia social, hixiene de mans e o uso de máscaras. No seu momento, FeSP-UGT xa amosou o seu rexeitamento ó protocolo presentado pola Consellería de Educación de cara ó curso 2021-2022 e insistimos na prórroga das medidas de apoio que se puxeron en marcha o pasado curso pola COVID-19, tanto dende un punto de vista material como no eido dos recursos humanos, o contrario, insistimos, sería unha temeridade por parte da Xunta.
Comunicado_de_prensa_enviado_ós_medios-Non_ós_recortes_en_tempos_de_pandemia.pdf