Unha vez máis, os traballadores e traballadoras de ambulancias ternos que saír á rúa para defender os nosos dereitos. A paralización do convenio, o aumento da carga de traballo e as condicións nas que temos que facer o servizo e ao frustrarse calquera negociación, lévannos a convocar folga neste mes de xullo.
O aumento da carga de traballo foi brutal nestes últimos anos sen aumentar o número de ambulancias. Ademais, neste sector aínda hai empresas onde o persoal ten que facer horas extras todos os meses (sen cobrar ou mal pagadas), onde non teñen os descansos e vacacións regulamentarias, onde falta persoal ou onde as empresas non se fan cargo -como marca a lei- da desinfección de uniformes, poñendo en risco a nosa saúde e a das nosas familias. Pero ademais diso, a precariedade dos concursos públicos afecta tamén ao propio servizo: ambulancias deterioradas, ambulancias e bases sen limpeza e desinfeccións adecuadas, falta material para realizar dignamente a nosa función e térmolo que coller nos hospitais porque, en moitos casos, as empresas non o teñen.
Porque nunha ambulancia podemos ter que ir calquera de nós, por un accidente ou unha emerxencia, por unha alta médica, un traslado hospitalario ou para determinados tratamentos que requiran dese servizo. Por iso non só loitamos polos nosos dereitos, senón polos de todas as persoas que nalgún momento teñan que empregar un elemento básico no sistema sanitario como son as ambulancias.
Xa abonda e, se non se negocia o novo convenio colectivo que poña as bases para solucionar de raíz estes problemas, seguiremos na rúa denunciando a precariedade do noso traballo e de todo un sector. E farémolo sinalando directamente a unha patronal á que só lle importa o seu propio beneficio e á Xunta e ao SERGAS por permitilo e ser os responsables políticos desta situación que padecemos. Porque que este sector estea tan infradotado, tanto en persoal como en material, para atender as necesidades da cidadanía galega é responsabilidade do deseño político que depende da Consellería de Sanidade. Non debemos esquecer que, maioritariamente, traballamos para esta consellería que nos considera, e considerou sempre, o parente pobre da sanidade.