Consideracións previas:
Con anterioridade a entrar ás alegacións aos postos de traballo asociados aos distintos centros de traballo, procede realizar unha serie de consideracións xerais sobre o presente documento borrador de RPT, así:
UGT considera que debera abordarse de xeito paralelo á presente RPT, unha negociación das condicións de traballo que deberían determinar a prestación de servizos nos distintos centros e que atendan as especificidades de cada un deles. Ese acordo de condicións de traballo debe analizar o encadramento salarial que proceda á homologación final e definitiva cos centros análogos da Consellería de Política Social. Debe indicarse as concrecións que sobre os niveis salariais teñen as competencias, funcións e tarefas realizadas polo persoal de todas e cada unha das categorías.
Como se indicará ao longo do documento aparecen determinados postos de traballo coa indicación da itinerancia dos mesmos, entendendo que polas características da prestación do servizo e en aras ao mantemento e continuidade dos postos de traballo, a itinerancia pode ser unha das solucións posibles, proponse a necesaria, obrigada e preceptiva negociación sobre a mesma, con especial previsión sobre as prazas actualmente ocupadas e o seu significado sobre a modificación substancial de condicións de traballo que poda representar o cambio a realizar.
As actuais persoas ocupantes dos postos de coordinacións das distintas áreas, escolas e centros de persoas maiores, deben aparecer asignados aos seus postos de orixe, en atención á prescrición do RD Lei de 6 xullo de 2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, o literal do mesmo ven a indicar a necesidade de que iso sexa así en atención á obrigada oferta dos postos atendendo ao criterio de tempo de ocupación de prazas temporais.
Solicítase confirmación do que parece deducirse do documento e que de xeito pormenorizado se alegará, sobre a conversión das prazas de tempo parcial a xornada e quenda ordinaria.
UGT entende que é de suma importancia que se responda á pregunta da confirmación de prazas vacantes a fin poder establecer con nitidez aquelas prazas que na actualidade non se atopan ocupadas e poden formar parte da oferta de emprego na quenda libre.
Ao respecto das 51 prazas de Inclusión Sociolaboral, sexan Técnicos/as Medios, Superiores ou Posto Base, requirimos concreción de titulacións así como de funcións e tarefas para adecualos ás escalas de:
• XMO XERAL (ESCALA TÉCNICA ORIENTACIÓN LABORAL)
• XSO XERAL (ESCALA SUPERIOR ORIENTACIÓN LABORAL)
Con total probabilidade non todos os postos realicen tarefas e polo tanto teñan funcións e en consonancia ostenten competencias para desenvolver as correspondentes á propia do posto de Orientación Laboral. É necesario a realización dunha APT (análise de posto de traballo) con carácter previo á adscrición á Escala de Orientación.