
No día de onte (26 marzo), a UGT, xunto co resto das organizacións sindicais do sector e a patronal GAFIX, asinamos un acordo retributivo de gran relevancia no ámbito da comunidade autónoma de Galicia para o sector de Reforma Xuvenil e Protección de Menores.
O persoal deste sector leva anos soportando unha situación laboral complexa derivada do sistema de contratación mediante licitacións, que se renova cada 3 ou 4 anos. Durante ese tempo, os salarios permanecen conxelados, mesmo cando se publican actualizacións das táboas salariais, xa que os pregos das licitacións só teñen en conta as táboas vixentes no momento da súa publicación. Esta foi unha das razóns polas que a UGT non asinou o convenio estatal.
A consellería adoita escusarse no cumprimento estrito do convenio e dos pregos, pero pasa por alto que esta dinámica provoca que as nóminas non se actualicen ata a seguinte licitación, xerando unha situación claramente prexudicial para o persoal.
Co acordo alcanzado, as consellerías implicadas dispoñen agora dun marco claro. Unha vez publicado no BOE, este acordo terá rango normativo e incorporarase como anexo ao convenio estatal. Isto implica a necesidade adaptar as subvencións das licitacións para que as empresas poidan actualizar as nóminas, sen posibilidade de escudarse en limitacións administrativas.
Galicia converterase así na segunda comunidade, tras Madrid, en contar cun acordo retributivo destas características.
Respectamos profundamente o labor de todas as organizacións sindicais que traballan no sector, mais consideramos necesario aclarar algunhas das afirmacións realizadas pola CIG e CUT no seu comunicado.
A UGT tamén quere poñer de manifesto as contradicións da CIG e da CUT. As mobilizacións feitas neste sector —lembramos que na última rodeamos a sede da Xunta en Santiago— foron dirixidas contra a administración e non contra a patronal. O acordo asinado foi coa patronal. Cunha lóxica moi básica xa se pode entender que o acordo non é froito das mobilizacións. As persoas que vivimos o proceso sabemos cal é a realidade. Resulta profundamente demagóxico afirmar que a patronal foi condicionada polas mobilizacións e empurrada pola CIG e a CUT.
Non compartimos a idea de que este acordo sexa froito exclusivo da mobilización na rúa. A negociación, o diálogo constante e a capacidade de construír pontes entre administración, patronais e sindicatos foron determinantes. Sen ese traballo técnico e político, sen esa insistencia en abrir vías de acordo, este avance non sería posible. A mobilización é unha ferramenta lexítima e útil, pero non substitúe o labor negociador nin o rigor necesario para transformar un marco retributivo.
A CIG e a CUT afirman tamén que “virán agora a apuntarse un éxito que non é deles”. A UGT non precisa apropiarse de nada: o noso traballo está documentado, é coñecido polos interlocutores e está reflectido no propio acordo. Non entramos en competicións estériles nin en discursos de exclusividade. O que nos importa é que o persoal do sector mellore as súas condicións, e ese obxectivo cumpriuse grazas ao esforzo conxunto, non á descalificación entre organizacións.
Finalmente, rexeitamos a idea de que a UGT teña que “pór remendos aos desastres que outras organizacións asinan en Madrid”. O noso sindicato actúa con responsabilidade en todos os ámbitos, e cando non asinamos un convenio é precisamente porque non garante os dereitos que defendemos.
Este acordo é un avance para o sector. Un avance construído desde o diálogo, a responsabilidade e a negociación. Un avance que confirma, unha vez máis, que a vía útil para mellorar as condicións laborais é a que combina firmeza reivindicativa e capacidade de acordo.
