A Consellería ven de publicar unha nota aclaratoria en relación coas consultas formuladas sobre os procedementos selectivos convocados pola orde do 24 de febreiro de 2020 de acceso e ingreso a distintos corpos docentes, como consecuencia da COVID-19 e da publicación da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.
- Primeiro. As programacións versarán sobre os currículos aprobados polas normas que se mencionan nas bases 13.4 e 14.4 da Orde do 24 de febreiro de 2020, pola que se convocan procedementos selectivos.
- Segundo. Cando a convocatoria no seu articulado ou nas súas rúbricas fan referencia “a normativa vixente”, “adecuación á normativa en vigor”, “referencia á normativa actualizada”, debe terse en conta que á data prevista para a realización dos procedementos selectivos, de conformidade coa disposición final quinta da Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, pola que se modifica a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, estarán vixentes desta lei:
a) A participación e competencias do Consello Escolar, Claustro e director ou directora.
b) A autonomía dos centros docentes.
c) A selección do director ou directora nos centros públicos.
d) A admisión de alumnos.
Non estarán en vigor e, polo tanto, non se aplicarán nestes procedementos selectivos as modificacións que a Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, introduce:
a) Na avaliación e condicións de promoción das diferentes etapas educativas.
b) Nas condicións de titulación de educación secundaria obrigatoria, ciclos formativos de grao básico e bacharelato.
c) A titulación das ensinanzas profesionais de música e danza.
d) As condicións de acceso ás diferentes ensinanzas.
- Terceiro. Tampouco será obxecto de consideración a normativa conxuntural orixinada pola epidemia do COVID-19.
- Cuarto. Para posibles preguntas dos tribunais a Orde do calendario escolar a considerar será a do curso 2020-2021.
- Quinto. Calquera outra normativa a considerar como, por exemplo, aulas dixitais, será a vixente no momento da realización das probas.