MANIFESTO CONXUNTO — BOMBEIROS FORESTAIS E BOMBEIROS/as SPEIS
Hoxe, 4 de maio, Día Internacional do e a Bombeir@, rendemos homenaxe a quen, as 24 horas do día e os 365 días do ano, están onde se lles necesita para salvar vidas, bens, o medioambiente e o noso patrimonio natural.
Este día conmemórase en honra a San Florián, patrón dos Bombeiros, e ten a súa orixe na morte de cinco compañeiros durante un incendio forestal en Linton, Australia, en decembro de 1998. Desde o Sindicato Profesional de Bombeiros Forestais e de Bombeiros/as (SPEIS) de UGT, alzamos hoxe unha voz común para recoñecer o sacrificio, a dedicación e a valentía de todo o colectivo, e para esixir ás administracións as condicións dignas que esta profesión merece.
UNHA PROFESIÓN CADA VEZ MÁIS ESIXENTE E PERIGOSA
O desempeño da nosa profesión vólvese ano tras ano máis difícil e perigoso. O quecemento global incrementa as temperaturas e reduce a humidade na vexetación, multiplicando os días de onda de calor e favorecendo a simultaneidade de incendios forestais, máis rápidos e destrutivos. A iso súmanse as DINA, os novos riscos asociados á transición enerxética e os grandes incendios de interface urbana- forestal: un elenco de ameazas asociadas á emerxencia climática que esixe cada día máis ao noso colectivo. Acordamos honrar a memoria dos compañeiros e compañeiras que xa non están entre nós e que perderon a súa vida facendo o que máis amaban.
DEMANDAS COMÚNS
Bombeiros Forestais e Bombeiros/as dos SPEIS compartimos reivindicacións estruturais que as administracións deben atender sen máis dilación:
• Investimento sostido e suficiente. As administracións deben garantir recursos humanos permanentes e materiais adecuados ao longo de todo o ano, non só en tempadas de maior risco.
• Coordinación efectiva. As emerxencias deben ser atendidas polo recurso máis próximo e eficaz. A falta de coordinación entre corpos, ministerios e comunidades autónomas custa vidas.
• Dotacións seguras. Ningún parque de bombeiros pode operar con dous efectivos de garda para atender calquera emerxencia. Esiximos dotacións mínimas seguras por intervención.
• Xestión directa e pública do servizo. Sen externalizacións nin privatizacións que poñan en risco a calidade e seguridade do servizo.
• Recoñecemento de enfermidades profesionais. A exposición laboral dos bombeiros e bombeiras é canceríxena segundo recoñece a IARC. É imprescindible o recoñecemento de determinados tipos de cancro como enfermidade profesional.
• Integración real da prevención. Tanto nos SPEIS como na xestión e prevención forestal, a prevención debe estar no centro da planificación e non ser a primeira partida en ser recortada.
DEMANDAS ESPECÍFICAS: BOMBEIROS FORESTAIS
• Cumprimento efectivo da Lei Básica de Bombeiros Forestais 5/2024. Pedra angular das nosas reivindicacións, esta Lei non se está cumprindo ao 100% en practicamente ningunha Comunidade Autónoma.
• Xubilación anticipada por coeficientes redutores. A falta de coordinación entre ministerios está a atrasar de forma inaceptable a posibilidade de adherirse a este dereito recoñecido.
• Recursos humanos permanentes para a prevención e xestión forestal. A temporalidade limita a capacidade de implementar medidas preventivas eficaces durante todo o ano.
DEMANDAS ESPECÍFICAS: BOMBEIROS/as SPEIS
• Lei Básica de Bombeiros e Bombeiras (SPEIS). España conta con máis de 130 Corpos de Bombeiros sen unha lei que os armonice e coordine. Esta lei é tan necesaria para os bombeiros como para a cidadanía.
• Integración da prevención nos SPEIS. A prevención debe formar parte estrutural dos Servizos de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento, e non depender da vontade política de cada territorio.
• Adaptación de Actividades de Prevención Extinción de Incendios e Salvamento dos traballadores/as dos SPEIS: xestión do envellecemento activo e adecuación de tarefas, segundo idade, estado físico e psíquico do traballador/a.
Por todo o anterior, celebramos o 4 de maio reivindicando lexislación xusta, recursos suficientes e o recoñecemento que merece toda a familia de Bombeir@s!
