✍️ Hoxe, 11 de febreiro, os sindicatos CCOO Ensino, ANPE, UGT-SP e CSIF asinamos unha addenda ao Acordo polo que se regulan as condicións de traballo do persoal docente interino e substituto coa finalidade de que entre en vigor xa no proceso selectivo de 2026.
❌ Esta modificación elimina para todo o persoal docente que xa consolidou o seu posto nas listas de interinidade e substitucións a obrigatoriedade de presentarse ás oposicións para manter o seu posto na lista. Tampouco será preciso presentarse para as persoas que unicamente teñan posto consolidado nas listas de Orientación de Primaria.

📝 Convén aclarar que non será necesario presentarse ás oposicións nestes casos, mais calquera persoa que o desexe poderá presentarse, como é lóxico, e tamén abandonar o proceso en calquera momento sen ningún tipo de penalización nas listas.
🖥️ Por outra banda, a addenda asinada esta mañá tamén incorpora as novidades relativas ao novo sistema de chamamentos de persoal substituto a través dunha aplicación informática. Este sistema funcionará en modo de probas ao longo deste curso en certas especialidades con poucos chamamentos, coa finalidade de entrar en pleno funcionamento o vindeiro curso.
O texto tamén regula as sancións por non participar neste procedemento para aqueles que estean obrigados a facelo.
ℹ️ Como en calquera cambio destas características, será clave ofrecer unha explicación clara e completa do funcionamento da aplicación. Ao longo do curso 2026-2027, a comisión de seguimento do Acordo fará un control continuado do proceso e traballará coa flexibilidade necesaria para resolver incidencias e garantir que non se produzan sancións indebidas.
✏️ Por último, este acordo permite que as vacantes non adxudicadas se oferten a todo o persoal das listas. Deste xeito, calquera persoa interesada en traballar sen restriccións poderá solicitalas de forma voluntaria, aínda que isto non dea lugar á consolidación do posto.