O Ministerio de Función Pública e os sindicatos UGT Servizos Públicos e CSIF alcanzaron un acordo que permitirá a recuperación do poder adquisitivo a case tres millóns e medio de empregadas e empregados públicos, que verán incrementadas as súas nóminas entre 2025 e 2028 en 11,5 puntos —cos esvaramentos—.

O documento, que leva por título “Acordo Marco pola mellora do emprego público e o servizo á cidadanía”, mellora as retribucións 2025-2028; elimina a taxa de reposición de efectivos; axiliza e mellora os procesos selectivos; establece novas modalidades de promoción interna e incrementa, nas ofertas de emprego público (OPE), o número de prazas destinadas á atención á cidadanía. Ademais, en 2026 revisaranse á alza os complementos de residencia, insularidade e indemnizacións por razón de servizo, con criterios de igualdade, entre outras medidas.

O Acordo Marco pola mellora do emprego público e o servizo á cidadanía ten no incremento dos salarios das empregadas e empregados públicos un dos seus eixos fundamentais. O texto pactado contempla:

  • 2025: aumento do 2,5 %, que será consolidable, terá carácter retroactivo ao 1 de xaneiro de 2025 e será abonado en decembro.
  • 2026: subida do 2 % (1,5 % fixo, máis 0,5 % variable se o IPC é igual ou superior ao 1,5 %). Este medio punto cobrarase no primeiro trimestre de 2027 con carácter retroactivo desde xaneiro de 2026.
  • 2027: incremento do 4,5 %.
  • 2028: subida do 2 %.

Os salarios públicos recuperarán deste xeito tres puntos de poder adquisitivo (exactamente, un 2,83 %). Nun prazo de trece meses (xaneiro de 2027), as nóminas rexistrarán un incremento do 9 %. O aumento total real durante o período de vixencia do acordo será do 11,43 %, incluídos os esvaramentos/arrastres.

Xunto ao incremento dos salarios das empregadas e empregados públicos, o acordo contempla a eliminación da taxa de reposición de efectivos, unha reivindicación de UGT Servizos Públicos desde hai anos. A taxa de reposición, posta en marcha con ocasión dos recortes levados a cabo por mor da crise de 2008, foi un mecanismo que dificultou a renovación dos persoais e que incidiu nas altas taxas de temporalidade dentro das administracións.

O documento presta especial atención á promoción interna, con cursos selectivos e o desenvolvemento de novas modalidades, así como unha formación homologada que facilite a promoción, a carreira e a mobilidade das empregadas e empregados públicos. Tamén se convocarán concursos de méritos permanentes e abertos como mecanismo ordinario para a provisión de postos de traballo. Outro punto destacado é que a execución e o desenvolvemento das ofertas de emprego público leven a cabo no prazo dun ano.

O acordo marco inclúe o compromiso de incrementar nas OPE o número de prazas destinadas á atención á cidadanía e garantir a prestación presencial do servizo e, de maneira complementaria, a atención telefónica e electrónica. Tamén prevé diversas medidas relacionadas coa igualdade e a non discriminación, como a eliminación da brecha salarial por razón de xénero ou a atención integral das persoas vítimas de violencia de xénero.

As empregadas e empregados públicos verán actualizado o réxime de permisos existente, así como os permisos vinculados por mor de forza maior, atención a necesidades familiares, vulnerabilidade e enfermidades graves, e revisaranse os programas de acción social. Co obxectivo de mellorar a cualificación, poñerase en marcha un plan de competencias dixitais que garantirá o acceso para todas as empregadas e empregados públicos e establecerá un itinerario que contemple varias fases formativas.

Finalmente, tamén se activará o Observatorio do Emprego Público, creado en virtude do Real Decreto 868/2010, do 2 de xullo, que estará encargado de realizar o seguimento da calidade dos servizos e do emprego público, así como de analizar o impacto da implantación da dixitalización.

REDES SOCIAIS AQUÍ.