APROBADO O BORRADOR DA XUBILACIÓN PARCIAL

O 13 de novembro, UGT-SP Ensino e outras OOSS aprobamos o borrador do Acordo da Xubilación Parcial presentado pola Administración en Compostela. O documento final é produto de intensos meses de reunións, reivindicacións e mobilizacións, e detalla as condicións específicas para o acceso á prestación do profesorado incluído no réxime de pago delegado nos centros privados concertados de Galicia.

O documento recolle que as persoas interesadas poderán solicitar a prestación ata 2 anos antes da xubilación ordinaria, con 3 ventás de acceso (nos meses de xaneiro, abril e setembro). Compre recordar que nun primeiro momento a administración limitaba o acceso á prestación a un ano da xubilación ordinaria con só dúas ventás de acceso.

Por outra banda, o xubilado parcial reducirá nun 72% a xornada de traballo (18 horas lectivas semanais, resultando a xornada laboral en 7 horas lectivas semanais).

O Acordo extinguirase o 31 de agosto de 2029. As persoas traballadoras que reúnan os requisitos para poder solicitar a XP antes da data da súa extinción poderán acollerse á prestación nas mesmas condicións.

Sobre o contrato de remuda, os centros garantirán á persoa remudista a impartición da xornada de 18 horas lectivas semanais en que se reduce a xornada do xubilado parcialmente. Na selección do profesorado remudista, terá carácter preferente a condición de persoal incluído na bolsa de recolocación do profesorado afectado pola modificación das unidades concertadas.

UGT-SP Ensino asinou o borrador da XP por responsabilidade e como un primeiro paso para lograr un Acordo total que inclúa a todas as persoas traballadoras que estén completa ou parcialmente en concerto. UGT-SP continuará esixindo que as persoas traballadoras con horas de docencia no bacharelato privado teñan acceso á xubilación parcial.

UGT-SP considera que a última proposta de borrador da Xunta respecto á Xubilación Parcial é unha porta que se abre a vindeiras negociacións. Agardamos que a Administración manteña o mesmo talante negociador nos próximos meses para avanzar na consecución das melloras urxentes que o ensino concertado de Galicia precisa.

Imagen de UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos

UGT Servizos Públicos é unha federación de UGT dedicada á defensa dos dereitos e intereses dos traballadores dos servizos públicos en España.