Onte luns, 27 de outubro, UGT-SP reuniuse coas tres patronais da educación concertada e as organizacións sindicais FSIE, CCOO Ensino, FeUSO e SNEP de Galicia para intercambiar opinións sobre o Acordo de Xubilación Parcial. Todas as partes coincidimos en que a proposta da Consellería é pésima. Polo tanto actuaremos en conxunto e faremos o seguinte:
- Esixir que se corrixa o feito de que as persoas que cumpren os requisitos nos meses de verán teñan que agardar ao 1 de xaneiro para acceder á Xubilación Parcial. Deberían entrar na ventá de setembro.
- Esixir unha 3ª ventá no mes de abril.
- Esixir aclaración sobre o caso das persoas que cumpran os requisitos entre o 1 de xullo do 2028 e o 31 de decembro do 2028, xa que, segundo a táboa do Acordo, a súa xubilación parcial tería unha duración máxima de ata o 31 de agosto do 2029. Entendemos que non sería legal e que é un erro técnico.
- Modificar a cláusula 3ª pola que as patronais só tiñan que solicitar a relación actualizada das persoas da bolsa. As patronais entenderon que, como mínimo, habería que citar a esas persoas a unha entrevista sempre que encaixen no perfil académico que necesite cada centro.
- As Patronais confirman, de novo, que aceptan pagar a parte que lles corresponde da XP no caso daquelas persoas que non teñan a totalidade de horas durante os 6 últimos anos nunha unidade concertada (bacharelato, por exemplo).
Con estas esixencias conxuntas e con todas as que cada organización considere pola súa parte, agardamos que a administración nos convoque a unha Comisión Tripartita do Ensino privado Concertado.

 
								 
											 
								 
								 
								 
								 
								 
								 
								 
								 
				