UGT-SP e outras organizacións sindicais representativas do ensino concertado mantiveron o pasado 17 de outubro unha reunión co secretario de Estado de Educación, solicitada formalmente o pasado mes de xullo, na que trasladaron o profundo malestar do sector ante a falta de avances na mellora das condicións laborais e retributivas do profesorado e persoal dos centros sostidos con fondos públicos.
Durante o encontro, as organizacións sindicais denunciamos o atraso na convocatoria, así como a falta de diálogo do Ministerio de Educación cos representantes do ensino concertado, especialmente tralos recentes anuncios públicos do Goberno sobre redución de rateos e horas lectivas que, de non aplicarse tamén na concertada, suporían unha nova discriminación cara os seus profesionais.
Os sindicatos lembraron que o profesorado do ensino concertado forma parte da prestación do servizo público de educación, imparte o mesmo currículo e atende á mesma diversidade do alumnado, polo que é imprescindible garantir as mesmas condicións laborais, recursos materiais e recoñecemento institucional que na rede pública. Neste senso, as organizacións esixiron a reactivación dos grupos de traballo para o estudo do posto escolar e a mellora das condicións laborais. A ausencia destas reunións de traballo bloquea o avance cara a unha planificación equitativa do sistema e perpetúa unha desigualdade que contradí os principios de equidade e cohesión educativa que proclama a propia lei.
Como resultado da reunión, o secretario de Estado de Educación comprometeuse a convocar proximamente, a través do subsecretario competente, os grupos de traballo, garantindo a presenza das organizacións sindicais do sector do ensino concertado. Este compromiso supón un primeiro paso positivo cara o restablecemento do diálogo institucional e o recoñecemento do ensino concertado como parte integrante do sistema público educativo. As organizacións asinantes valoran este compromiso, aínda que insisten na necesidade de que se concrete en datas e contidos concretos, e reiteran a súa disposición para participar activamente na definición de políticas educativas que aseguren a igualdade de condicións e oportunidades para todos os traballadores, con independencia da rede na que preste servizo.