
As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, asinantes do “ Acordo sobre medidas que melloran o sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docentes”, convocamos hoxe aos medios para facer balance da aplicación das medidas incluídas neste acordo, con motivo do inicio de curso 2025/2026.
O noso balance é sereno e construtivo: recoñecemos avances que xa se notan nos centros, pero tamén sinalamos compromisos aínda pendentes de executar na súa totalidade.
NÚMERO DE UNIDADES E PROFESORADO
Este novo curso iníciase cun descenso de alumnado similar ao ritmo de descenso dos anos anteriores, en torno a 4.000 alumnos/as, pasando de 175.506 alumnos nas etapas de educación infantil e primaria a inicios do curso 24/25 a 171.342 no curso 25/26, polo tanto un descenso de 4.167 alumnos/as. Desde a sinatura do “Acordo sobre medidas de mellora” en outubro de 2023, o descenso do alumnado nas etapas de educación infantil e primaria foi de 8 155 persoas.



Ese descenso de alumnado, antes da entrada en vixencia do Acordo, significaba ano tras ano o peche de decenas e mesmo centos de aulas, curso por curso.
De feito nos tres anos anteriores á entrada en vixencia do Acordo, o número de aulas suprimidas ascendeu a un total de 239, o que supuxo unha destrución de postos de traballo de ata 334 docentes.
Porén, esta tendencia , como xa diciamos o ano pasado, freouse totalmente coa entrada en vixencia do Acordo.
Desta forma, nos dous últimos cursos, non só non se pechan aulas, senón que se crean novas de carácter estrutural, sobre todo en Educación Primaria e Educación Especial, dando lugar á creación de ata 23 postos de traballo de carácter definitivo, como pode verse no seguinte cadro que recompila cifras das sucesivas ordes de modificación de unidades e postos de traballo que se publican cada ano no mes de agosto.
EVOLUCIÓN DE UNIDADES E POSTOS DE TRABALLO DOCENTES DE ENSINO PÚBLICO

É dicir, con moito menos alumnado, temos máis profesorado no conxunto do ensino non universitario, polo que o Acordo rompeu a tendencia ao peche de centos de aulas e a supresión de centos de postos de traballo dos cursos anteriores, tal e como pode apreciarse no seguinte gráfico

Segundo as cifras comunicadas pola Consellería, o Acordo ademais posibilitou que se salvaran do peche ata 414 aulas desde a entrada en vixencia do Acordo, 222 no curso 2024/2025 e 192 no curso 2025/2026. A isto habería que sumar ata 73 desdobres este último curso , o que supón arredor de 500 aulas máis , que se as nosas organizacións sindicais non tiveran asinado o Acordo.
En canto ao profesorado, xa comprobamos que o balance de profesorado definitivo resulta positivo dende a entrada en vixencia do Acordo.
No relativo ao profesorado provisional, os datos extraídos do Concurso de Adxudicación de Destinos Provisionais amosa tamén cifras positivas dende entrada en vixencia do Acordo.
Así no curso 2025/2026 hai un total de 126 docentes de infantil e primaria máis que no curso anterior e ata 176 docentes máis que no curso 2023/2024, cando se asinou o Acordo.

En canto a datos totais de profesorado, as cifras proporcionadas pola Consellería de Educación reflicten un saldo positivo de 656 docentes máis dende que entrou en vixencia o Acordo no curso 2023/2024, pasando de 31.100 a 31.756 docentes.
BAIXADA PROGRESIVA DE RATIOS
Outra das bases do Acordo era a redución progresiva das ratios .
Neste punto queremos destacar que ao inicio do curso 24/25 existiron graves problemas de coordinación á hora de solicitar e asignar docentes aos centros educativos tanto a través do CADP como nos chamamentos do mes de setembro.
Porén, o inicio deste curso 25/26 desenvolveuse cunha fluidez notable, un feito que atribuímos ao traballo rigoroso e colaborativo da comisión de seguimento do Acordo. Dita comisión, composta polas organizacións sindicais asinantes e a propia Consellería, resultou fundamental para resolver de xeito proactivo un gran número de posibles incidencias antes de que chegasen a materializarse.
Con todo, como xa é público, mantemos discrepancias e un proceso xudicial aberto coa Consellería por mor da aplicación da Lei 5/2024 de medidas fiscais e administrativas que provoca que neste curso se estea atrasando a aplicación das ratios do Acordo de agrupamentos do ano 2009 ou situacións surrealistas como que a ratio para un grupo mesturado de primeiro e segundo de primaria sexa de 14, mentres que no caso de incluírse tamén alumnado de terceiro curso, a ratio sexa de 18.
Por este motivo, porque seguen existindo situacións onde non se aplica o Acordo como debera, sexa cousa da Consellería, da Inspección Educativa ou dalgún equipo directivo, e atendendo á proposta de varias docentes, publicaremos nas nosas webs un “PUNTO LARANXA” de denuncia de situacións IRREGULARIDADES relacionadas coa aplicación do Acordo.

Aínda que desde o momento da sinatura do Acordo fixemos seguimento das incidencias en todos os centros galegos, é fundamental a colaboración do profesorado e mesmo das familias , polo que habilitamos esta vía alternativa ao correo institucional dos centros para que calquera persoa, a título individual, axude a detectar e corrixir estas posibles irregularidades e abusos.
Animamos ao resto de organizacións sindicais a replicar esta iniciativa nas súas respectivas webs e entre todas e todos, conseguir unhas mellores condicións de traballo para o persoal do ensino galego.
REDUCIÓN DA BUROCRACIA
Outra das patas do Acordo é a redución da burocracia e, nesta vía, levamos xa dous anos esixindo da Administración a creación dun plan para a redución da burocracia e colaborando na súa elaboración final, ata o punto que foi presentado no pasado mes de xullo.
O plan presenta un gran conxunto de accións de simplificación e modernización dun sistema educativo demasiado complexo e obsoleto nalgúns aspectos, innovadoras na incorporación de certas tecnoloxías como a sinatura dixital ou a intelixencia artificial, e transversal posto que afectará a alumnado, a docentes, a equipos directivos, á Inspección Educativa e ao propio traballo da Consellería. Algúns dos primeiros pasos neste camiño da redución da burocracia anunciados pola Consellería son:
● A revisión e simplificación xeral de procedementos administrativos que sustentan o sistema educativo galego, xa que sen esta actuación previa, simplemente pasariamos dun problema en papel a ter un problema dixitalizado.
● A informatización do chamamento de substitutos mediante unha aplicación , que unha vez pasado o inicio de curso, pretende poñerse en marcha no primeiro trimestre e que requerirá unha actualización do “Acordo de persoal interino e substituto”
● A modernización dos departamentos de orientación mediante a simplificación dos seus procesos, a dixitalización de protocolos, a incorporación da sinatura dixital, etc.
● A actualización da aplicación PROENS para a elaboración simplificada das programacións didácticas na Formación Profesional, unha etapa que se atopa inmersa nun profundo e completo cambio normativo a nivel estatal e autonómico.
O proceso de implantación destas medidas e das demais recollidas no Plan de redución da burocracia esixen un gran esforzo de adaptación aos cambios por parte de todas e todos , e pola nosa parte, o traballo sostido durante os vindeiros anos para garantir que se avance gradualmente nestas cuestións e que se escoiten as demandas e suxestións de toda a comunidade educativa.
CUESTIÓNS PENDENTES DE DESENVOLVEMENTO
Tal e como recolle o texto do Acordo, determinadas cuestións quedaban pendentes de desenvolvemento e aplicación en cursos sucesivos. Agora estamos nese momento.
No momento de esixir que sigamos avanzando:
● A baixada de horario lectivo ás 18 horas para o profesorado de Secundaria, Bacharelato, Formación Profesional, Escolas Oficiais de Idiomas, etc.
● A aplicación das ratios máximas fixadas no Acordo para Secundaria e Bacharelato , que deben pasar a ser de 25 e 30 respectivamente. Paralelamente a isto, debe aplicarse de xeito inmediato o cómputo dobre e triplo de alumnado nestas etapas , tal e como se recolle no texto do Acordo.
Traballamos arreo para conseguir que a aplicación deste Acordo saíse adiante, mesmo tendo en fronte a organizacións sindicais que negaron nos centros educativos os avances que finalmente se conseguiron e que pretenden virar ao profesorado contra o único Acordo que alcanzou melloras reais en moitos anos.
Queda moito traballo por facer e non imos baixar os brazos ata conseguir o desenvolvemento íntegro do Acordo.
E se a situación non responde ás expectativas que temos, mobilizarémonos, e iremos á folga o tempo que faga falta, pero ese é un recurso, non o camiño.
E chegados a ese punto, farémolo tal como anunciamos a finais do curso pasado , abríndonos a unha fronte ampla de unidade de acción e que represente a toda a comunidade educativa.
O contrario disto suporía actuar de forma individualista, sen estratexia nin un rumbo claro e buscando rédito a un ano vista das eleccións sindicais en lugar de ter traballado duramente desde o ano 2022 que se celebraron as últimas eleccións.