O profesorado agarda medidas reais contra a burocracia: CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP valoran o labor desenvolvido conxuntamente pola Consellería, os grupos de traballo e as propias organizacións sindicais asinantes do “Acordo sobre medidas de mellora”, pero critican o atraso dun ano na presentación do plan.
As organizacións sindicais CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP participaron hoxe nunha reunión convocada pola Consellería de Educación para abordar o borrador do plan para a simplificación das tarefas burocráticas nos centros docentes. Este plan forma parte do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente que imparte as ensinanzas reguladas na Lei Orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación, asinado polo Presidente Rueda e subscrito polas nosas organizacións no ano 2023.
Desde os sindicatos asinantes queremos destacar que:
● Valoramos positivamente que, tras diversas reunións de traballo ao longo do presente curso, a Consellería presente finalmente un documento estruturado, que recolle un conxunto amplo de accións para simplificar procedementos, impulsar a dixitalización e revisar o marco normativo aplicable aos centros.
● Con todo, lamentamos que a presentación deste borrador se produza cun ano de atraso respecto ao previsto, tendo en conta que a simplificación burocrática é unha das principais demandas do profesorado galego e un compromiso asumido pola Administración dende xaneiro de 2024. Esta tardanza dificulta a percepción real da gran cantidade de traballo realizada no último ano tanto a nivel interno na Consellería, como coas aportacións das organizacións sindicais asinantes do Acordo.
● Este plan senta as bases para un proxecto integral e ambicioso que pretende modernizar a xestión documental dos centros e do traballo do profesorado. Constitúe un punto de partida valioso, mais precisa dun traballo sindical en profundidade para garantir que as medidas propostas teñan un impacto real na carga administrativa que soporta o profesorado.
As organizacións sindicais asinantes comprometémonos a estudar en detalle o borrador do plan e a formular novas achegas nas vindeiras datas. A previsión é manter unha nova reunión de traballo coa Consellería o antes posible para continuar avanzando no deseño e implementación efectiva destas medidas.O noso obxectivo común é que o profesorado recupere tempo e enerxías para dedicarse ao esencial: a docencia e a atención educativa ao alumnado.
O noso obxectivo común é que o profesorado recupere tempo e enerxías para adicarse ao esencial: a docencia e a atención educativa ao alumnado.