UGT pon en evidencia a difícil situación que atravesa a Residencia de Maiores de Caranza (Ferrol). A falta de persoal e a mala organización, por parte da dirección do centro, están afectando gravemente á calidade do traballo e á saúde emocional do persoal, ao que se suma, ademais, a apertura de varios expedientes disciplinarios a traballadoras con anos de experiencia
UGT-SP denuncia que, coa incorporación da nova Dirección do centro de traballo, a situación na Residencia volveuse aínda máis difícil, o que xerou un ambiente de malestar e desconfianza entre todo o persoal.
Persoal escaso, falla de substitucións e unha organización interna deficiente son algunhas das causas que empeoraron o día a día no centro, o que fai que as condicións de traballo non sexan dignas para o persoal, creando un entorno laboral cada vez máis tóxico.
Un dos feitos que deixou ao descuberto a gravidade da situación foi a recente avaliación de riscos psicosociais realizada ao persoal en xaneiro deste ano. Os resultados revelaron que os riscos psicosociais no centro son elevados en todas as áreas, o que amosa de forma clara que as condicións de traballo son moi prexudiciais para a saúde mental e emocional do persoal do centro.
Esta situación leva moito tempo sen solución
UGT-SP denuncia que, tanto a dirección do centro como os responsables da Consellería de Política Social e Igualdade, son conscientes desta situación pero ata o de agora non se fixo nada para mellorar as condicións laborais, aínda que teñen todas as ferramentas necesarias para solucionar a problemática do centro.
Inxustizas laborais con consecuencias graves
Por parte do Centro, non só non teñen solucionado o problema, senón que optaron por abrir varios expedientes disciplinarios a traballadoras sen que nos consten a día de hoxe que haxa causas obxectivas para elo. Podemos estar ante una represalia cara a determinado persoal, o que está crispando aínda máis o clima laboral no centro de traballo.
UGT-SP fai un chamamento á Consellería de Política Social e Igualdade para que se restitúa a dignidade e o respecto de todo o persoal do centro. Cos dereitos do persoal da Residencia de Maiores de Caranza non se xoga.
Reclamamos DIÁLOGO, RESPECTO E MEDIDAS CONCRETAS para solucionar esta situación de forma urxente, xa que, incluso, esta crise laboral pode derivar negativamente na calidade da atención aos residentes.