O venres pasado tiveron lugar reunións, das que, tamén ese mesmo día houbo mesa previa, e en dita Mesa previa, o resumo pódese sintetizar en que a Directora informa brevemente dos puntos de Mesa Sectorial e Mesa Xeral. As OOSS manifestamos a brevidade de tempo ou inexistencia do mesmo para poder emitir opinión fundada.
En todo caso non se produciu debate, en tanto foi unha mera exposición de parte das cuestións formuladas, na que as OOSS fixemos valoracións e preguntas que quedaron sen reposta porque non estaban as persoas responsables dos organismos para confrontar opinións. A continuación resumimos os contidos de cada reunión celebrada.
MESA SECTORIAL DE PERSOAL FUNCIONARIO:
OPE DA LEI 17/1989, ESCALAS DE PERSOAL SANITARIO
Na reunión da mesa previa coa Consellería o pasado día 10, déronse explicacións verbais da oferta, xa que non foi remitida por escrito información dos datos sobre as 15 prazas que contén a oferta.
A esta reunión asiste presencial o Vicesecretario da Consellería que reitera as desculpas por non ter remitido con anterioridade a documentación e na súa explicación formula o tope do incremento de prazas derivado da norma estatal da taxa de reposición, que neste caso alcanza o 110%, que totaliza 15 prazas distribuídas en atención ás necesidades máis urxentes das distintas unidades.
UGT solicita a convocatoria que desenvolva este proceso de concurso-oposición sexa negociada e o modelo da quenda de promoción interna mude no conxunto da administración autonómica.
Con carácter xeral entendemos que para que se dea unha cobertura adecuada ás necesidades hai que homologar esta inspección a outros colectivos similares desta Administración, discrepamos da alegación á estaturización de algún sindicato para subir retribucións, cuestión que debe resolverse pola vía negocial no ámbito da Función Pública.
RPT DO CONSORCIO GALEGO DE SERVIZOS DE IGUALDADE E BENESTAR:
A Administración expón moi brevemente que se trata da primeira RPT do Consorcio, con 1.804 postos de traballo, e destaca como criterios:
- Novas creacións, sobre o cadro existente, os 18 postos de direccións e coordinacións: 6 direccións das residencias, 12 coordinacións, 4 provinciais na área de Benestar e 8 na área de Escolas Infantís, das que 3 corresponden á provincia de A Coruña, 3 á de Pontevedra e 2 repartidas entre a de Lugo e parte de Ourense nororiental e a última do resto da de Ourense. Por último o posto de dirección do CEMVI.
- Establecer unha estrutura homologable á da Administración da Xunta para os distintos departamentos dos Servizos Centrais do Consorcio.
- Que para a determinación dos postos se tiveron en conta as equivalencias que determina o anexo do Decreto 165 de funcionarización, e en xeral, non só hai mantemento salarial, se non que o que se produce é un incremento con respecto as retribucións que percibe o persoal do CGSIB.
UGT manifestou que:
As primeiras negociacións dunha RPT no Consorcio datan do ano 2018, sucedéndose a partir deste ano distintos documentos, que sendo alegados por esta organización sindical, nunca tiveron resposta. Si ben é certo que é mellor ter algo malo que non ter nada, como sucede ata este momento, o que podemos dicir sen entrar en análise profundo da globalidade da proposta, dado o pouco e escaso tempo que tivemos, consideramos que:
- Urxencia na tramitación da súa aprobación:
Non cabe aludir á “URXENCIA”, como así fai a Memoria xustificativa, posto que é evidente que desde o ano 2018 ao 2024 transcorreu tempo suficiente como para non vir agora con presas, por non remitirnos ao ano de creación do Consorcio, ente creado sen máis nin maior protección do seu persoal que o Estatuto dos Traballadores, vergonza lle debería de dar aos seus iniciais xestores, que se saiba nunca pediron perdón.
- Asignación de niveis aos postos de traballo:
Consideramos que a alusión as equivalencias de postos co anexo do Decreto 165, solo é para a denominación e homologación das categorías laborais en funcionariais, xa que a proposta realizada crea postos de segundo nivel na mesma Consellería para o CGSIB: para igual categoría e funcións niveis de complemento de destino e específico inferiores, 3 niveis por debaixo do nivel mínimo dos seus homólogos en Política Social.
Debemos recordar que a funcionarización dos postos da Consellería de Política Social foi negociada á alza nas remuneracións, para corrixir algunhas situacións de partida no mesmo centro e categoría e nesta RPT consideramos imprescindible se revise a proposta e se homologuen os postos segundo tipoloxía e funcións. Exemplo paradigmático é o do Persoal de Servizos Xerais, con nivel 12-12, onde nos preguntamos si son as mesmas funcións as realizadas nunha Escola que as dun Centro de Día ou Residencia, onde a resposta é clara, non, polo tanto deben ser revisados todos os niveis.
- Direccións:
Manifestámonos en contra do sistema de provisión en LD (libre designación) para os CAPM e a Miniresidencia de Melide. Consideramos que postos de nivel 25, equiparados a unha xefatura de sección, non son postos de especial responsabilidade nin requiren de cualificación profesional específica e deben ser provistos por concurso ordinario. Solicítase a súa apertura a A1, A2 e C1.
Os postos de Educador/a Infantil con funcións de dirección, entendemos que é un erro a súa observación de “ámbito provincial”. A esta cuestión responden confirmando que os 308 postos conteñen a observación de “funcións de dirección”, en atención a que todos eles son susceptibles de acceder a unha dirección de escola, e que si é un erro a cuestión do ámbito provincial.
- Itinerancias:
A primeira cuestión é diferenciar entre itenerancia e alternancia. Non é o mesmo estar nun posto itínere sen concretar, que realizar alternancia entre dous centros. Polo tanto débense aclarar ambos conceptos e fundamentarse en criterios obxectivos para determinar os 103 postos que teñen a observación.
É evidente, e ninguén discute que a evolución histórica das matrículas é variable ano a ano, sobre todo en escolas de poucas unidades, e que polo tanto debe haber un criterio coñecido e transparente da asignación da itinerancia.
- Identificación do vínculo xurídico do persoal:
Coa observación de “ocupado por persoal laboral indefinido non fixo”, constan no documento 264 postos, tendo constancia de que existen máis, instamos á actualización do dato.
Tamén deben constar aquelas persoas que teñen sentenza firme de fixeza. Son varios os casos nos que a súa sentenza é firme, así como outros que nos consta están en trámite no Tribunal Supremo, con suspensión da casación por cuestión prexudicial presentada ante o TJUE. Entendemos que nada impide que consten como persoal laboral propio en aplicación do artigo 58 da LOFAXGA.
- Apertura a escalas:
Ao igual que na Área de Benestar están abertas as coordinacións a dúas escalas Psicoloxía e Traballo Social, as correspondentes a Área de EEII, deben abrirse a Educación Infantil e Axente en Educación Infantil en posesión de titulación habilitante, por outro lado, algo que na realidade xa sucede.
- Técnicos/as de Inclusión:
Requirimos aclaración da diferencia de niveis e escalas entre as coordinacións e o resto de postos, ambos con requirimento de carné de conducir implica desprazamentos para ambos postos. De igual forma solicitamos aclaración da asignación das escalas, porque para a de T. medio poden ser provistas por Traballo Social e Educación Social e para o de Coordinación só por Educación Social, sendo que para a de T. superior si se contemplan as dúas escalas de Psicoloxía e Pedagoxía?.
- Horarios especiais, turnicidade:
Solicítase regular criterios e aclaracións.
En definitiva entendemos que con independencia de que se aprobe a RPT consideramos que debe ser negociado un acordo de condicións de traballo que abarque e concrete determinadas cuestións que agora manifestamos como dúbidas e incertezas.
O Xerente do CGSIB refire que están revisando os postos de fixos indefinidos e fixos por sentenza, non aclara nada o respecto de direccións compartidas ou regular criterios, ou apertura de postos e remite a situación dos niveis de postos os cálculos de equivalencias coas retribucións de orixe do CGSIB.
RPT PERSOAL CONDUTOR:
Expón a Administración que a RPT contén un total de 263 postos a funcionarizar (97 persoas aprobadas con posibilidade de cambio de vínculo xurídico), das que no subgrupo C1 son 180 (68 persoas aprobadas con posibilidade de cambio de vínculo xurídico), no subgrupo C2 son 78 (29 persoas aprobadas con posibilidade de cambio de vínculo xurídico) e tamén no subgrupo C2 son 5 (sen persoas con posibilidade de cambio de vínculo xurídico).
Valoración de UGT:
Valoramos a mellora producida na RPT, logo da súa retirada da negociación o pasado mes de xuño, naquela ocasión 240 postos levaban diferenzas negativas con complemento de funcionarización. Polo tanto é moi positivo que non conteña complementos de funcionarización, tal e como así se viña facendo nas últimas RPTs.
Ademais de cumprir a garantía de indemnidade retributiva en todos os postos se observan pequenos incrementos con respecto as contías do vínculo laboral, e se engaden dous complementos adicionais (“dedicación extraordinaria” e “especial dedicación”) que subsumen a totalidade do plus de convenio e de dispoñibilidade horaria.
No obstante requirimos que:
- No punto 5º do documento de “traslado de pluses de postos de laboral a funcionario” que di que compre na negociación correspondente………. clarificar as dúbidas que puidese xurdir en relación coa prestación efectiva de servizo, xa que os novos complementos non poden modificar o réxime actual de percepción das contías equivalentes e o seu devengo. A alusión a unha eficaz e eficiente prestación do servizo podería dar lugar a vincular coa prestación efectiva do servizo, e non cumprir polo tanto coa finalidade de non merma retributiva.
- En todo caso consideramos que co fin de deixar pouco marxe ás interpretacións subxectivas que puideran darse, debe procederse a unha negociación que clarifique e ordene cuestións como o horario especial, as prolongacións de xornada e a dispoñibilidade.
- Solicítase que se adopte o mesmo criterio que foi usado na RPT anterior, nos casos de sentenzas de diferenza salarial, acudindo ás certificacións das mesmas por parte das unidades de persoal correspondentes, abono de ditas diferenzas, ao igual que en VVRRNN, Oficiais 2º de cociña e Analistas de laboratorio.
- Por último solicitase un esforzo económico para diminuír o abano salarial e aproximar as contías de postos destas categorías.
A Administración comunica ao final das intervencións, que aparecerá expresamente na Memoria que a proposta non leva complementos de funcionarización en ningún posto e que se acepta a proposta das certificacións aos efectos de xustificación das sentenzas de diferencia salarial, e se revisará o punto quinto.
MESA XERAL DE EMPREGADOS PÚBLICOS:
OFERTA DE EMPREGO PÚBLICO 2024:
Logo de entregar os anexos do Decreto de oferta que podes consultar no enlace, expuxo os datos que dan lugar ao número das prazas ofertadas, dos que foi imposible tomar nota.
Como importante novidade confirma que se acepta aquela petición que viñamos realizando de forma reiterada UGT sobre a posibilidade de participación na quenda de interna separada ao C2 desde calquera escala da Agrupación Profesional.
UGT manifesta
A desconformidade coa forma na que reiteradamente nos teñen acostumados e na que non se remite con carácter previo a documentación para poder emitir opinión fundada. Este ano nin sequera remitiuse o borrador de Decreto de oferta.
Solicitaremos que se inclúan no anexo IV aquelas prazas de persoas que adquiriron a condición de laboral fixo con posterioridade á entrada en vigor lo EBEP, como as integradas de Augas de Galicia.
PROPOSTA DE MODIFICACIÓN DE RPT DE ADMON. XERAL E ESPECIAL.
Trátase dunha RPT escoba da Lei 20/2021, na que se crean 77 postos e 1 se modifica, e na que aparecen postos de persoal laboral indefinido non fixo sen posto creado. En todos os casos hai incremento de retribucións.
Valoración de UGT:
- Considerase positivo que se inclúan todas estas prazas, en tanto que ao non estar en RPTs colocaban ao persoal que a desempeña nunha situación precaria a regularizar .
- Ao respecto do persoal das Illas Atlánticas requirimos que en canto se asine o Acordo neste ámbito se modifique inmediatamente a RPT facendo constar os parámetros do mesmo.
CONSELLO ASESOR DA DISCAPACIDADE:
Logo da lectura rápida datos das opes de 2016 a 2022 e das cifras dos restantes puntos da orde do día, datos dos que é imposible de redactar información ou contrastar por non ter remitido a documentación por escrito con anterioridade.
UGT apela a necesidade de que o Consello Asesor sexa un foro de consulta e deliberación que dignifique e respecte a valoración da discapacidade no emprego público: preguntamos polo contido que esta Administración quere dar a este órgano, posto que como se puxo de manifesto é unha mera reunión formal. Reclamamos a remisión de documentación da orde do día co fin de poder emitir opinión fundada.