O sindicato que o denuncia todo pero non soluciona nada oféndese porque outros si sexamos quen de aportar e acordar solucións coa Administración. Neste caso para solucionar os erros dos baremos da estabilización do SPIF.
O día 30 de novembro a CIG Autonómica difundiu unha nota informativa (podes consultala aqui mesmo) sobre a xuntanza que CCOO, UGT e CSIF mantivemos coa Directora Xeral de Emprego Público para tratar de resolver os erros e deficiencias que contiñan os baremos dos procesos de estabilización das distintas escalas e categorías do SPIF.
Nesta nota a CIG evidencia que ten serios problemas con algunhas cuestións:
- Ten un problema serio coa educación e a corrección nas formas. Compañeiros/as da CIG: insultar e faltar ao respecto ao adversario sindical xa non se leva. Non ten máis razón nin o que máis berra, nin o que máis insulta (“trifachito sindical, mariachis, sindicatos amarelos….). E ademais, desacredita a propia información da nota porque os argumentos quedan diluídos nos insultos e nas descualificacións. Dádelle unha volta para a seguinte, porque os traballadores/as están algo cansos destes teatrillos.
- Ten un problema coa verdade; ou mellor dito con faltar á verdade. Di a CIG que “Alegrámonos se ao final están dispostos a resolver este problema dándolle a solución que a CIG demandou insistentemente mentres outros calaban”. Pódese constatar que o problema cos baremos do SPIF non o viu unicamente a CIG e que tanto verbalmente como por escrito, tanto CCOO, CSIF e UGT manifestamos a nosa queixa e preocupación pola forma na que se estaban a aplicar e tamén púxemos algunha solución enriba da mesa.
- Ten un problema coa coherencia argumental. Di a CIG que “no mes de xullo tivemos unha xuntanza onde lle transmitimos a Función Pública os problemas que estaba a causar o cambio de criterios…”. Que pasa? Que só a CIG ten a exclusividade para solicitar e ter reunións con Función Pública?. As demais organizacións sindicais conxuntamente fixemos o mesmo para tratar de buscar unha solución ao problema. Pero neste caso, á CIG parécelle mal.
- Ten un problema coa diferenza entre negociación colectiva e a acción sindical. Nas xuntanzas das mesas de negociación, a Administración convoca a todas as organizacións sindicais. Porén, os tres sindicatos que asinamos esta nota informativa temos a posibilidade de pedir cantas xuntanzas queiramos cos nosos interlocutores na Xunta de Galicia, xa sexan coas distintas consellerías ou con Emprego Público, como neste caso. Ou é que temos que pedirlle permiso á CIG para solicitar unha xuntanza coa Administración?. Ningún dos tres sindicatos cuestionamos a acción sindical da CIG cando en plena negociación do Acordo de condicións de traballo do SPIF estaban sentados na mesa de negociación (non vaia ser que acorden algo bo) e ao mesmo tempo estaban promovendo unha mobilización a 10 metros do lugar da reunión (o acordo era malo e nós xa o diciamos). Vamos o coñecido “estar na misa e repicando”.
- Que lle molesta á CIG? Que se resolva o problema? Ou que se resolva sen a súa participación?. Por certo, como sucede coa maioría dos grandes ou pequenos acordos coa Xunta de Galicia. É moi difícil tratar de arranxar as cousas cando sempre se está no NON A TODO.
En definitiva, CCOO, CSIF e UGT queremos trasladar a todas as persoas afectadas pola baremación das escalas e categorías do SPIF que conseguimos convencer á Administración de que hai que baremar a todas as persoas aspirantes non baremadas para non xerar indefensión aos interesados e para corrixir inxustizas evidentes. Isto é o importante. O demais son perrechadas de nenos pequenos que se enfadan cando non os escollen para xogar no equipo.
Nos próximos días teremos as xuntanzas que sexan necesarias coa Dirección Xeral de Emprego Público para concretar os detalles e o procedemento desta nova valoración e/ou baremación.
Seguiremos informando e seguiremos traballando para resolver os problemas.