Hoxe, 11 de novembro, en Compostela, UGT Ensino SP reuniuse na Comisión Tripartita para abordar cuestións de relevancia para o ensino concertado: os atrasos, os orzamentos e a XP.
ATRASOS
O Director xeral de Ensino confirmou que se actualizará o incremento do 2% na nómina de novembro, os atrasos. Valoramos que a actualización do salario chega no tempo de desconto sexa quen sexa o responsable. Pero é sanguento que o PAS esté a cobrar polas táboas de 2022.
Uns (administracións) e outros (patronais) xogan co noso salario por cuestións formais fácilmente recuperables. Paguen a conta do convenio e logo arranxen as súas diferenzas, pero que non a pague sempre a persoa traballadora.
ORZAMENTOS
O Director Xeral informa que non haberá modificacións na lei de orzamentos, salvo as actualizacións salariais e os gastos derivados da xubilación parcial. É dicir, outra vez presuposto cero para a paga de antigüidade. Deriva a responsabilidade á Consellería de Facenda, como todos os anos. Polo que parece, Facenda é o responsable económico das políticas da Consellería de Ensino.
Houbo orzamento para a reforma dos centros de ensino, absolutamente necesarias. Houbo orzamento para o acordo de redución de cociente, e aplaudímolo. Hai incremento no financiamento autonómico, sabémolo. Isto destacámolo porque cremos que non é un problema de orzamentos, senón de vontade política. A todas as comunidades chégalles para sufragar os gastos da PEA. E, en Galicia, por que non? O normal sempre foi, primeiro pagar as débedas e logo facer as obras novas.
XUBILACIÓN PARCIAL
Recoñecemos a xubilación parcial como unha medida positiva pero absolutamente insuficiente. Todos os docentes que dan algunha hora no bacharelato están encabuxados e defraudados. E se se preguntan cantos son, case todos os que dan en secundaria en centros que tamén ofertan bacharelato. Porque, déronse conta de que case todos, nos últimos 6 anos, impartiron algunha hora nesa etapa?
Urxe arranxar este tema. Entendemos a preocupación pola picaresca de que no primeiro ano de xubilación parcial todas as horas pasen a pago delegado. É un tema que hai que deixar arranxado para que non sirva de desculpa. Pasos déronse pero foron curtos, lentos e que non rematan de solucionar as necesidades do sector.
Atrasos con moito atraso. Orzamentos insuficientes e xubilación parcial moi parcial… UGT SP Ensino pide avances reais para todas as persoas traballadoras do ensino concertado. URXE actualizar as táboas do PAS!