Sectores

Mesa Xeral: Lei de Medidas e Orzamentos 2025: Carreira Extraordinaria e Ordinaria

As Organizacións Sindicais fomos convocadas para o vindeiro martes 15 de outubro á Mesa Xeral co obxecto do estudo do anteproxecto da Lei de medidas: materia de persoal, para o ano 2025, co que se inicia o prazo de consultas previas coas Organizacións Sindicais a entrada de Orzamentos 2025 no trámite parlamentario.

En días pasados UGT e CCOO mantivemos unha xuntanza coa Directora Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal co obxecto de lembrarlle que, segundo o establecido nos Acordos asinados por ambos os dous sindicatos, neste segundo semestre do ano 2024 habería que negociar e acordar a apertura do prazo para solicitar o terceiro grao de carreira extraordinaria, así como o decreto que regulará a carreira profesional de  carácter ordinaria.

A resposta da Directora Xeral foi que, por suposto, a Administración ten intención de cumprir os Acordos acadados e ratifícase no cumprimento dos ditos Acordos no sentido de negociar e pór en marcha tanto o terceiro grao de carreira profesional como na regulación da carreira ordinaria para que todo o persoal que vaia cumprindo os requisitos esixidos poida incorporarse á mesma.

En consecuencia na vindeira Mesa Xeral esixiremos que os Orzamentos 2025 contemplen expresamente esas boas intencións e se proceda á negociación do cumprimento dos Acordos e se vexa reflectido nos Orzamentos de persoal da Comunidade Autónoma, así como outras cuestións que abranguen tamén a lei de medidas de acompañamento.

En materia salarial temos que continuar actualizando e recuperando salario, e esta retribución complementaria de carreira é unha forma real e efectiva de facelo, como se veu demostrando nestes anos.