Por segundo ano consecutivo, en UGT Servizos Públicos celebramos o Día Internacional dos Coidados e o Apoio (29 de Outubro), proposto pola Asemblea Xeral da Organización das Nacións Unidas (ONU), cos obxectivos de visibilizar a importancia dos coidados na nosa sociedade, transformar a súa inxusta organización e retribuílos dignamente.
Facéndonos eco das conclusións do informe Valoración económica dos coidados ás persoas maiores dependentes e impacto na xeración sándwich, elaborado polo Observatorio Muller, Empresa e Economía (ODEE) da Cámara de Comercio de Barcelona, sinálase para Cataluña a falta de servizos públicos e recoñecemento dos traballos de coidados necesarios para garantir condicións de vida dignas. O estudo estima que en Cataluña hai polo menos 151.000 persoas que se dedican ao coidado informal de persoas de 65 anos ou máis. Destas, o 40% (aproximadamente 60.000), teñen entre 45 e 60anos, o 66% son mulleres, e semanalmente destinan 6 horas máis aos labores de coidado que os homes. Como consecuencia, as mulleres teñen máis probabilidades de deixar de traballar ou reducir a súa xornada laboral, o que acaba incidindo nas súas condicións de traballo, na posibilidade de prosperar na carreira profesional e na súa saúde.
Desde a Secretaría de Muller e Políticas Sociais de UGT cremos que é clave poñer no calendario esta data estratéxica e, por iso, presentamos a campaña Recoñecer os coidados é: revalorizar, redistribuír e retribuír dignamente. Neste 2024, centrarémonos dentro da campaña na necesidade de afrontar a división sexual do traballo.
Na actualidade, a participación das mulleres en toda a administración pública é maior que a dos homes. Segundo o boletín estatístico do persoal ao servizo das administracións públicas, as traballadoras son o 56,76% do persoal e nas CCAA a porcentaxe ascende ao 67,8%. Con todo, a división sexual é un fenómeno presente. Elas concéntranse en sectores como a educación, onde son o 71%, ou a sanidade, 75%. Pola contra, en sectores como Forzas Armadas ou Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, a presenza masculina é moi superior. Por iso, en IMPRESCINDIBLES, analizaremos o impacto da división sexual no desenvolvemento profesional das traballadoras e traballadores dos servizos públicos e realizaremos propostas que nos permitan eliminala.