Tras a publicación, o día 21 de agosto de 2024, no DOG da Orde do 2 de agosto pola que se modifican as unidades e postos de traballo docente para o curso 2024/25, as organizacións asinantes do Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo e as condicións laborais do profesorado galego, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, queremos deixar constancia de que, grazas ao seu asinamento, inverteuse a tendencia, que xa viña sendo habitual cada inicio de curso na última década, de peche de aulas nas etapas de infantil e primaria e destrución de postos de traballo, sobre todo no medio rural.
En efecto, os datos desta nova orde amosan que se “freou en seco” a sangría de aulas e redución do profesorado que contemplabamos ano tras ano dende o período da crise económica. Desta forma, a diferenza entre aulas suprimidas e creadas no ensino público é positiva este curso por primeira vez en máis dunha década, xa que en total haberá dez aulas máis en toda Galicia (catro de educación infantil, cinco de educación primaria e unha de educación especial) e 21 postos de traballo definitivos máis ca o ano anterior e, polo tanto, de carácter estrutural.
Este incremento do número de aulas estruturais e de postos de traballo de carácter definitivo rompe a tendencia de descenso dos últimos anos, xa que tan só nos últimos tres anos o peche de aulas chegara a un total de 239 unidades de infantil e primaria suprimidas e a unha destrución de 334 postos de traballo no mesmo período.
A inversión desta tendencia só se explica grazas ao asinamento do Acordo, pois o número de alumnado segue a reducirse na mesma proporción ano tras ano. De feito, para o curso 2024/2025, en infantil e primaria no ensino público temos unha redución con respecto ao curso anterior de 2747 alumnos e alumnas menos. Aínda que esa diminución é moi similar á dos anos anteriores, no canto de producirse peche e eliminación de centos de aulas de catálogo e postos de traballo definitivos, como pasou nos cursos precedentes, a diferenza entre aulas pechadas e creadas é positiva: hai 10 aulas máis que o curso pasado e 21 postos de traballo máis con destino definitivo.
De feito, a Consellería de Educación cuantificou nun recente expediente publicado no portal educativo, co gallo do inicio do curso 2024/25, que grazas ao asinamento do “Acordo de Medidas de Mellora” evitouse o peche de 204 aulas só este curso, cunha previsión de 900 aulas que non pecharán nos seguintes tres cursos por esta mesma razón.
Os datos demostran, polo tanto, que este Acordo está evitando os peches xeneralizados de aulas e recortes de profesorado, sobre todo no rural, que viñan sendo habituais na última década.
Lonxe de estarmos conformes, as organizacións asinantes instamos de novo a Consellería a que aplique de forma axeitada, e non progresivamente, o resto de artigos. Sobre todo no que respecta á aplicación do descenso das ratios nas aulas que escolarizan alumnado de diferentes niveis, ciclos e etapas e tamén no cómputo dobre e triplo do alumnado que acredite discapacidade, dependencia ou trastornos graves de conduta. Nestes aspectos mantemos diferenzas importantes coa Consellería sobre a interpretación de aplicación do Acordo, tal como xa anunciaramos nunha conferencia de prensa a finais do curso 2023/24. O cumprimento axeitado destas disposicións do acordo traduciríase nun incremento de varios centos de docentes máis, polos desdobramentos que terían que levarse a cabo, algo que levamos reclamando nas diferentes reunións da comisión de seguimento celebradas ata hoxe.
As organizacións asinantes, CCOO Ensino, ANPE e UGT-SP, agardaremos a ter todos os datos de prazas docentes que a Consellería ten previsto dotar antes do inicio do período lectivo deste curso para poder facer balance completo do grao de aplicación do Acordo, sen descartar acudir á vía xudicial para asegurar o cumprimento íntegro do pactado.
Por outra parte, con data do 30 de agosto, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos emitiu a instrución 6/2024 sobre o horario do profesorado de infantil e primaria no curso 24-25 logo da sinatura do Acordo, aclarando que as dúas horas de redución ata chegar ás 23 horas lectivas do profesorado na etapa son horas de libre disposición e, polo tanto, non resulta obrigada a presenza no centro. Remata desta maneira a propagación de bulos interesados que tivemos que desmentir reiteradamente desde as organizacións asinantes do Acordo.